Comarca de Pontevedra

Primeira Edición da Tractorada de Ponte Caldelas

Máis de 50 tractores participaron na primeira edición da Tractorada de Ponte Caldelas, a concentración deste tipo de vehículos organizada polo Concello como homenaxe a un vehículo que forma parte do modo de vida rural.

A concentración celebrouse na Alameda e incluíu unha pequena marcha polo pobo, que tivo como colofón a comida de confraternidade celebrada na propia Alameda, aproveitando o excelente tempo da xornada.

A Tractorada estivo integrada por tractoristas fundamentalmente de Ponte Caldelas, pero tamén houbo xente chegada de Xeve (Pontevedra), Marín e mesmo un procedente da provincia de Ourense.

Puidéronse ver todo tipo de vehículos dende un tractor con autoguiado de última xeneración a modestos "chimpíns" que os seus propietarios luciron con orgullo. Entre as máquinas presentes tamén había algún dos anos 50 e aínda en pleno funcionamento.

Pola tarde celebráronse as probas de habilidade na explanada do instituto de Ponte Caldelas. Consistiron en manobras de habilidade, probas de tiro e unha carreira.

O alcalde, Andrés Díaz, participou na xornada en nome de todo o Goberno  local e mesmo participou na marcha conducindo un dos vehículos. Diante do éxito desta iniciativa xa anunciou que terá continuidade en anos sucesivos.

Comentarios