O morrazo

Maios e barcos para celebrar a primavera en Marín

Unha mañá solleira deulle este mércores a benvida á xornada máis especial do mes de maio para os pequenos marinenses. O Ateneo Santa Cecilia celebrou a 65º edición do seu tradicional concurso de maios e embarcacións, con tres e catro participantes, respectivamente. Marín conta con esta última categoría que é inédita nos nosos días en Galicia.

Os mozos e as mozas que tomaron parte no certame cantaron as súas coplas nas que denunciaron, entre outros temas, a saída de Gran Bretaña da Unión Europea. O rampleiro San Xián dos Ancourados comentou que xa non van poder pescar en Irlanda, nin nas Malvinas nin no Gran Sol.

Pola súa banda, a tripulación do barco Monte de Mogor cantou: "Tanto carto deu na Lonxa o peixe/ que roupas de auga comprou o armador,/ para que as xentes soubesen/ a quen lle pertence a embarcación".

RECOÑECEMENTOS. Na categoría dos maios, a mellor construción foi para o Maio mariñeiro, do CEP O Sequelo, que tamén foi recoñecido por presentar a mellor letra das coplas. O Maio das Landeiras venceu pola coroa máis fermosa e pola mellor interpretación das cantigas.

O barco polbeiro da Asociación Amigos dos Rapaces foi a vencedora na categoría de mellor construción e o CEP de Mogor conquistou os premios á mellor letra e interpretación.

Só por participar todos os grupos recibiron 60 euros, roscóns, chocolate e doces, así como unha cantimplora.

O Ateneo Santa Cecilia tamén entregou uns maios simbólicos de oleiro ó profesor Xosé Antonio Pazos ou ás asociacións Os da Caña e Maio Landeiras, entre outros.

Comentarios