Pontevedra

Arde Ravachol no medio dunha Praza de España desbordada polo público

Unha das queimas do papagaio Ravachol, símbolo do Entroido de Pontevedra, máis multitudinarias dos últimos anos, co acceso á Praza de España practicamente bloqueado pola Rúa Michelena, como pasa nos concertos que máis público congregan nas festas de agosto, puxo o sábado 5 de marzo o punto e final a unha semana de festas.

A clausura do Entroido foi unha desas actividades que o Concello modificou de cara a mellorar as súas medidas de seguridade sanitaria. Así, non se celebrou o tradicional cortexo fúnebre polas rúas do centro da cidade, nin tivo lugar a incineración na Praza da Ferrería. No seu lugar, trasladouse á de España, espazo moito máis amplo.

Alí comezou o espectáculo arredor das oito da tarde, cando subiron ao escenario os personaxes de principios do século XX que participan na recreación da botica de Perfecto Feijoo, incluído o propio farmacéutico, propietario real do papagaio. Todos, vestidos de loito, como manda a tradición, que este ano tivo menos repercusión entre o público en xeral que noutras ocasións. Apenas se vían viúvas e viúvos disfrazados entre a xente.

Conduciu a despedida do Ravachol, como acostuma, a actriz María Carrera, tamén presentadora do certame de murgas. Xunto a ela, o Rei Urco, personaxe central dos festexos, e a agrupacións de música tradicional Os de Algures, que se encargou de poñerlle música en directo ao acto. "Chorade, Pontevedra!", pedía Carrera dende o escenario. O público respondía con laios.

A encargada de ler o obituario do animaliño foi a mesma persoa que se encarga de darlle a benvida á cidade, a presidenta da asociación Amigos do Ravachol, María Simal: "O bo de Ravachol/ morreu espichado/ de tanto parrandear/ a conta do pasado", explicou. "Despois dunha semana/ de varanda en varanda/ o loro escachou/ entre tanta zarabanda". E rematou: "Chorade, chorade todos,/ que Ravachol ha de voltar/ de novo o ano que vén/ para volvernos axudar".

Simal xa participara, ao longo do día, nas accións levadas a cabo na Praza da Peregrina para recrear o falecemento do animaliño, de corpo presente, rodeado de coroas de flores. A última hora da tarde o paxaro ardía rodeado por milleiros de pontevedreses.

Despois do Rei Urco dar por clausuradas as festas, foi María Carrera a encargada de despedir definitivamente o Entroido: "Queridas e queridos, o ‘loro’ xa está morto. Así que como di o Rei Urco: que viva o Entroido de 2023!"

Comentarios