lunes. 16.12.2019 |
El tiempo
lunes. 16.12.2019
El tiempo
PONTEVEDRA

GALERÍA. Pasarela de Debut 2019 de Esdemga

"Este é un ano moi especial para nós porque se vai pechando un periodo, o do título propio da escola de deseño, que se implantou hai preto de 16 anos no Campus de Pontevedra, para darlle a benvida ao novo mestrado, que se puxo a funcionar hai dous anos", dixo Lola Dopico, este xoves, antes do inicio de Debut 2019. "Así que isto é un punto de peche e un punto de inicio".

Vinte estudantes dos Estudos de Deseño e Moda (Esdemga) de Pontevedra, dez do título propio e outros dez do novo mestrado, presentaron os seus traballos en Debut 2019, a pasarela na que o alumnado mostra os seus proxectos de fin de curso. Centos de persoas asistiron, no Recinto Feiral, a esta pasarela que premiou como mellor colección Herencia, de Inmaculada Rodrígues. A deseñadora dotou de volumes escultóricos unha proposta que mesturaba influencias orientais e das cortes europeas do século XVIII. En segundo lugar quedou A la sombra de la luces, de Laura Murillo. Recibiu un accésit (sen dotación económica) Miriam Otero polos deseños de Novaya Zemlya.

Ademais, por primeira vez, este ano entregouse un terceiro premio: á colección cunha maior proxección comercial, que outorgou o centro comercial Gran Vía de Vigo. Foi para Vicky Cordero por Un dos, un dos. Y todo irá bien…. A maiores puideron verse traballos dos alumnos dos primeiros cursos.

"Estamos moi orgullosos da resposta que Debut ten entre o público, de que o que fan os nosos estudantes de deseño esperte tanto interese!", sinalou a directora de Esdemga, Lola Dopico. "Todos os que mostran aquí o seu traballo son alumnos de gran talento, que realizaron estes deseños con moitísima adicación, traballo e seriedade".

Dopico agradeceu aos patrocinadores a súa implicación con Debut, especialmente aos que entregan premios aos estudantes "porque hai que lembrar que estes son proxectos fin de carreira que se sacan adiante grazas a un custe e un investimento persoal e familiar moi importantes". De igual maneira, a directora de Esdemga agradeceu a colaboración do xurado, que este ano estivo composto pola histórica directora de moda do xornal británico Daily Telegraph Hilary Alexander; pola directora do Departamento de Moda da Kingston University, Elinor Renfrew; por Cesare Beccalli, da empresa italiana Limonta, e por Víctor Serna, da marca Loreak Mendian.