22/nov./22
Actualizado: 13/ene./23
Etiquetas
Os escaparates dunha vintena de establecementos comerciais de Pontevedra situados no contorno da Praza de San José e da rúa Rosalía de Castro acollerán ata o vindeiro 6 de decembro unha exposición fotográfica protagonizada por mulleres participantes no programa de empoderamento feminino Namórate de Ti 2022.
Cinco heroínas, mulleres fortes, que participaron (xunto con outras dúas compañeiras) nos obradoiros impartidos pola artista Patricia Maquieira e a orientadora Tegra Gómez e que exhiben nas fermosas imaxes desta mostra o seu lado máis íntimo, positivo, profundo e optimista.
A exposición foi inaugurada ese martes cun percorrido no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, visitou as vitrinas dalgunhas das firmas participantes acompañada dalgunha das súas protagonistas; da propia Tegra Gómez; da directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.
En concreto, a mostra pode desfrutarse nos comercios Viajes Eroski, Trévede Fashion Store, Zafiro Tours, Bess Two, Taller de Costura Bendrell, Óptica Federópticos Revenga, La Audiencia, D-Lectum, Mepiachi - Restos Stock, Farmacia Evangelina Blanco Rey, Madre Selva Cosmetics, Lienzo Decoración, Sonytel Galicia, Xoaría Palamios, Sonata Dos, Café Bar 33, Carnicería Quique, Pontepan, Wengue Interiorismo, La Tienda de Raquel e Moma.