'6Coreógrafas' regresa o vindeiro sábado ao concello da Estrada

Obradoiros e teatro serán os protagonistas da terceira edición dun evento que trata de poñer en valor a danza e as artes escénicas
Presentación de '6Coreografas' no Teatro Principal da Estrada
photo_camera Presentación de '6Coreografas' no Teatro Principal da Estrada. PATRI FIGUEIRAS

O Concello da Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6Coreógrafas, que se desenvolverá o vindeiro sábado 29 de abril , Día Internacional da Danza, cunha programación que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. Como preludio a este festival, o estudantado estradense puido gozar este luns en primicia do espectáculo O Salón dos Pasos Perdidos, da artista ourensá Paula Quintas, antes da súa estrea no Festival Cervandantes de Alcalá de Henares no vindeiro mes de maio.

O Teatro Principal acolleu a presentación desta terceira edición do Festival da Estrada de Danzas e Artes do Movemento, unha cita de referencia levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia.

No acto de presentación participaron o concelleiro de Cultura estradense, Juan Constenla, acompañado da artista Paula Quintas, do director da Agadic, Jacobo Sutil, e da coordinadora de danza e música da Agadic, Pilar Portela.

Na súa intervención, o responsable de Cultura da capital de Tabeirós sinalou "a importancia de seguir facendo da Estrada un ano máis un punto neurálxico para que a danza e as artes escénicas poidan agromar, reivindicando a gran diversidade cultural do noso municipio". 

O sábado a programación das actividades inclúe dous obradoiros para o alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada, ás 10.00 e ás 11.00 horas. Pola súa parte, o Teatro Principal acollerá desde as 13.00 horas a representación de Corpos de Abismo, a cargo de Duelirium, mentres que a Alameda Municipal será o escenario, ás 19.30 horas, de Onde  pousa a humidade, de Marcia Vázquez. 

O espectáculo Tabú, de Colectivo Globo porá o punto e final á xornada desde as 20.00 horas no Teatro Principal.

Comentarios