ABCR Laboratorios ampliará en 15.000 m2 a súa nave en Forcarei

Este proxecto, que Verónica Pichel apoia, permitirá crear entre 30 e 50 novos empregos no concello
ABCR Laboratorios. GOOGLE
photo_camera ABCR Laboratorios. GOOGLE

ABCR Laboratorios, unha das empresas máis punteiras de Forcarei, quere crecer e consolidarse no concello. Así llo trasladou recentemente nunha reunión o CEO e socio fundador desta compañía, Benigno Arén, á alcaldesa, Verónica Pichel.

Concretamente, Arén transmitiu a intención da compañía de adquirir tres novas parcelas no polígono industrial de Vilapouca, sumando así preto de 15.000 novos metros cadrados ás instalacións que xa posúe no lugar e nas que traballa dende hai case 12 anos.

A alcaldesa Verónica Pichel ofreceulle toda a colaboración municipal para axilizar o proceso de adquisición destas fincas e que esta ampliación sexa pronto unha realidade. "É moi satisfactorio que empresas tan importantes e punteiras como ABCR Labs aposten pola terra, polo concello de Forcarei, para desenvolver os seus plans de futuro, e por suposto poden contar coa nosa colaboración para materializalos", apuntou Pichel.

Pola súa banda, Arén explicou que a compañía química quere ampliar a súa capacidade produtiva en Vilapouca coa posta en marcha dunha nova nave de produción, dous almacéns e talleres de apoio, co obxectivo de poder producir 1000 toneladas anuais de siliconas.

Ademais, esta importante ampliación permitiría crear entre 30 e 50 novos empregos no concello de Forcarei.

Actualmente a empresa da traballo a preto de 70 persoas e conta tamén cun equipo de bolseiros e persoal en prácticas.

Comentarios