As actividades culturais de Lalín tínguense de morado neste mes de novembro

Celebrarase un congreso sobre gastronomía e camiño, concertos de Santa Cecilia e distintas exposicións, charlas e presentación de libros
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco. DP
photo_camera A concelleira de Cultura, Begoña Blanco. DP

A concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, deu a coñecer a programación cultural de novembro que levará por lema Cultura en Lalín con cores moradas. "As actividades serán variadas, como todos os meses, pero este é especial por estar sustentado polas actividades conmemorativas do 25N, o congreso Camiños gastronómicos e tamén por contar con importantes actuacións musicais das nosas formacións bandísticas e corais con motivo da celebración de Santa Cecilia", explica Blanco.

O primeiro día de actividades será o xoves 3, ás 18.00 horas, na Biblioteca Municipal, onde se reunirá a comunidade de pequenos lectores Os e as Mirlotís.

O venres 4 de novembro, a partir das 20.00 horas, inaugurarase no Museo municipal a XV Xuntanza Obradoiro Internacional das Artes Plásticas Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, que levará por título "Unha pincelada a Paco".

Xa o xoves día 10 haberá unha charla informativa sobre "Agresións sexuais e violencia sexual" ás 20.30 horas na sala de prensa do Concello, que estará impartida por Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en Estudos de Xénero e Políticas de Igualdade. O venres 11 haberá unha charla coloquio e unha clase práctica de solo pelviano ás 20.00 horas no Museo Ramón María Aller Ulloa.

Os pequenos Mirlotís volverán o xoves 17 á Biblioteca, ás 18.30 horas; e ás 19.00 terá lugar a presentación do libro No bico no vento, o novo libro-poemario de Charo Golmar, no hall do Concello.

O sábado 19 haberá un concerto de Santa Cecilia da Banda de Vilatuxe ás 12.15 horas no auditorio de Vilatuxe, e xa pola tarde, ás 17.00 farase no baixo da Casa de Don Álvaro un showcooking sobre merendas saudables organizado por Mel e Canela. Ás 21.00 horas no Salón Teatro terá lugar o concerto do Coro da Ra organizado pola Coral de Lalín.

Xa na segunda quincena de novembro, o domingo 20 e o luns 21 de novembro desenvolverase o Foro Camiños gastronómicos, enmarcado no proxecto Os Cocidos do Camiño. Tamén o domingo, a partir das 12.30 horas, será o concerto de Santa Cecilia da Banda de Muimenta no auditorio desta parroquia; e ás 19.00 horas no Salón Teatro terá lugar a actuación Música de coral no outono, ofrecido polo Coro Luis Areán e Xoven Voz e organizado pola Coral de Lalín.

O xoves 24 celebrarase eunha charla coloquio sobre a alimentación na muller baixo o título de Alimentación para combater os trastornos na menopausa, que será as 20.30 horas no Museo Ramón Mª Aller.

Xa o venres 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, haberá, como vén sendo habitual por estas datas, unha concentración de repulsa contra a violencia machista no vestíbulo do Concello ás 12.00 horas na que participarán centros educativos lalinenses. Na fin de semana, no Pontiñas Centro Comercial e de Ocio Gadis o sábado 26 de novembro, a partir das 18.00 horas, terá lugar a habitual iniciativa Arte-acción contra a violencia de xénero, que abrangue unha mirada desde diferentes manifestacións artísticas, literatura, danza, música e imaxe para visibilizar o traballo contra a violencia.

Ese mesmo sábado, ás 20.00 horas e no Auditorio de Lalín, será o concerto de Santa Cecilia da Banda de Lalín, mentres que o domingo 27 terá lugar a andaina Facendo Camiño por Lalín: Ruta das Devesas do Candán, de 12 quilómetros e cunha dificultade alta lineal, promovida polo Concello en colaboración con Roteiros. As persoas que desexen máis información ou inscribirse poderán facelo a través da páxina web. Nesta xornada dominical tamén terá lugar o concerto de Santa Cecilia da Banda de Prado, a partir das 14.00 horas no CEIP Xoaquín Loriga.

O martes 29 na sala de prensa do Concello ofrecerase a conferencia e foro-debate Consecuencias da violencia de xénero, impartida por Miguel Lorente, que é médico forense e experto en violencia de xénero. Unha actividade dirixida a un público adulto.

E o mércores 30, ás 12.00 horas no Salón Teatro, desenvolverase un obradoiro a cargo de Lorente dirixido a alumnado dos institutos que versará sobre "Violencia de xénero e masculinidade".

Comentarios