Adeus ó 'lazarillo' da Estrada

FALECE O PRIMEIRO CAN GUÍA DA VILA ► Sobreviviu a un incendio a pasada semana logo dunha reanimación in extremis practicada polos servizos de emerxencias locais, pero a súa avanzada idade e un tumor apagaron a Idaho, que foi o primeiro can guía da localidade

O pasado venres Idaho posou para unha foto xunto ó seu dono e os técnicos de Emerxencias e axentes que o auxiliaron o día do incendio. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera O pasado venres Idaho posou para unha foto xunto ó seu dono e os técnicos de Emerxencias e axentes que o auxiliaron o día do incendio. PATRI FIGUEIRAS

FOI OS OLLOS DE Isidoro Dios dende que en 2010 o foi buscar a Nova York; o seu can guía ata hai un par de anos, cando se xubilou e cedeu, respectuoso, o seu posto a Maika, a labradora que agora fai de acompañante do invidente. En realidade, Idaho converteuse no lazarillo de toda unha vila, a que percorreu acompañando ó seu dono no reparto dos cupóns da Once por unha vintena de bares ós que o conducía, sen desviarse, con tan só escoitar o nome do local na voz de Isidoro. Segundo apunta a súa familia, foi o primeiro can acompañante de cego que chegou á Estrada. Paradoxos da vida, quen dedicou a súa a ensinar o camiño seguro a quen non podía velo precisou hai un días, por primeira vez, que o guiasen para escapar das gadoupas dunha morte segura envolto no fume dun incendio que arrasou a cociña do piso no que vivía. Un pasamento que, porén, o animal non puido evitar o pasado venres, vítima dun tumor detectado hai mes e medio.

Pasadas as oito da tarde do 19 de febreiro saltou a alarma por un lume nunha vivenda da rúa Virxinia Pereira. Isidoro, a súa muller, Mercedes, e a súa filla pequena conseguiron saír ata a rúa. Con eles, a cadela Maika. Pero atrás quedou Idaho. A eficiente coordinación dos equipos de Emerxencias A Estrada, Policía Local, persoal do 061 e Garda Civil conseguiron salvar o animal in extremis, logo de rescatalo, moribundo, entre o fume.

"Foi unha cuestión de minutos. Se en vez de estar na habitación na que o localicei estivese nunha do fondo, posiblemente xa fose tarde". Cóntao Manuel Martínez, un dos tres efectivos de Emerxencias A Estrada que participaron na extinción. "É probable que unha persoa non fose capaz de sobrevivir todo ese tempo na habitación inhalando todo ese fume. A resistencia dos animais, ás veces, supera á nosa", apunta. Colleuno en brazos e rexeu os seus máis de 40 kilos dende a terceira planta, escaleiras abaixo, ata a rúa, onde o reanimaron.

Os primeiros en chegar ó lugar do incendio foron os axentes da Policía Local, que evacuaron o edificio e pecharon as portas de seccionamento dos distintos andares para que o fume non se propagase. A continuación, os efectivos de Emerxencias accederon á vivenda cunha cámara términa para localizar o foco do incendio e con extintores para facer un primeiro enfriamento. Deseguida, volveron baixar para montar unha liña de auga coa que proseguir a extinción. Foi nese momento cando Mercedes lles indicou que estaban todos fóra, agás Idaho. "Mentres os meus dous compañeiros controlaban o foco na cociña, eu empecei a rastrexar a vivenda para localizar o can". Non o atopou na primeira estancia, pero buscando no salón deu con el.

A REANIMACIÓN. "Como era un can de gran tamaño, o que intentei facer foi ver se daba saído por si só, pero decateime de que non, porque estaba moi adurmiñado, case inconsciente pola cantidade de fume que inhalara xa". Transportouno nos brazos e, unha vez na rúa, "estaba a Garda Civil xa na entrada; axudáronme a sacalo e, xa no exterior, quitei a miña máscara e puxémoslla para que inhalara un pouco de aire fresco e, mentres tanto, os compañeiros do 061 colleron unha bala de osíxeno na ambulancia para poñerlla tamén". Nos labores colaboraron, ademais, os axentes da Policía Local. "Conseguiuse que o can, unha vez que empezou a respirar, primeiro, o aire puro da máscara e, despois, o osíxeno, comezase a abrir máis os ollos, a cambiar as pupilas, que estaban moi dilatadas". Cando o animal espabilou un pouco máis, foi trasladado ó veterinario, que lle realizou unha revisión.

"De ese momento se recuperó bien, con el oxígeno y con el trato que le dieron, porque lo trataron con un cariño y un amor que cualquiera revive. Se nota que tienen perros", di Mercedes sobre os salvadores de Idaho. Pero a idade (en setembro faría once anos) e, sobre todo, o tumor que lle detectaron na boca hai pouco foron apagando a vitalidade do can, que finou o pasado venres, dez días despois de que volvese nacer.

"Eramos unha parella moi compenetrada. Foi os meus ollos, o meu compañeiro, dispoñible as 24 horas", lembra Isidoro, que agradece as mostras de agarimo que sempre lle brindaron a ambos os veciños da Estrada, vila na que o invidente, nacido na Illa de Ons e criado en Bueu, se instalou en 1985. Padece unha retinose pigmentaria que o deixou completamente cego hai unha década. "Só detecto a claridade", precisa. Pero se unha cousa Isidoro ve nítida é a xenerosidade de Idaho. Resúmea nun xesto: cando chegou Maika para relevalo como guía, sen orde de por medio, o can deixou de durmir na habitación do matrimonio, como ata entón fixera, e convidou a ela a que ocupase o seu lugar.

Idaho 2

Idaho1

Comentarios