Adxudicada por 6,2 millóns a mellora do saneamento do centro de Lalín

A Consellería de Infraestruturas prevé iniciar as obras no último trimestre do ano e telas rematadas a finais do 2023
Vistas del núcleo urbano de Lalín hacia la zona del Paseo do Pontiñas. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Vistas del núcleo urbano de Lalín hacia la zona del Paseo do Pontiñas. PATRICIA FIGUEIRAS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por preto de 6,2 millóns de euros as obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín, que inclúen un novo tanque de tormentas e o reforzo da capacidade dos colectores.

Esta intervención, adxudicada á Unión Temporal de Empresas (UTE) Vázquez y Reino, S.L- Francisco Gómez y CIA, S.L, conta cun prazo de execución de 12 meses. A Xunta prevé iniciar as obras no último trimestre do ano e telas rematadas a finais do 2023.

O obxectivo é incrementar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas, renovando a rede de saneamento, así como executar un tanque de tormentas que permitirá reter as augas en episodios de chuvias, minimizando os vertidos.

Executaranse catro treitos principais de colectores: dous nas marxes do río, un que recollerá as augas residuais da zona sur e as conducirá ao tanque de tormentas e outro colector que recollerá as augas da rede de saneamento da parroquia de Donramiro.

O tanque de tormentas, cunha estrutura semisoterrada, terá unha capacidade de 5.000 metros cúbicos, o que permitirá a retención das augas pluviais, evitando verter ao medio, e disporá dun alivio e dunha condución de baleirado, que funcionará por gravidade e se conectará á rede actual, conducindo o caudal ata a depuradora de Lalín.

Para ese baleirado por gravidade instalarase unha válvula, en cámara semiseca, que limitará o caudal máximo de entrada na depuradora. Ademais nas obras terase en conta o caudal máximo da futura ampliación da planta de tratamento, que será obxecto dun proxecto independente para que poida xestionar os volumes de auga residual retidos con episodios de choiva.

As obras inclúen un sistema de desodorización innovador que evitará molestias na contorna do tanque de tormentas. A intervención prevé a integración paisaxística mediante unha plantación de árbores autóctonas na contorna, que contribuirán a manter este espazo de uso e desfrute dos veciños que xa hai a carón do río Pontiñas.

Tamén se aproveitará a superficie de formigón do tanque de tormentas para desenvolver o Parque do cocido, un espazo de ocio infantil con elementos de xogo inspirados neste emblema da vila, de acordo cunha iniciativa promovida polo Concello desde hai tempo.

Nesta contorna crearase unha zona de xogos con tiroliña; un túnel de rede con forma de chourizo; unha gaiola de rede tamén con forma de porco no que os nenos poderán practicar diferentes actividades no seu interior: xogos de pelota, labirinto, paredes trepadoras, redes, tobogán.

Para acceder ao tanque construirase un pequeno viario de tres metros de ancho, ao que se accederá polas sendas do parque do río Pontiñas polas que agora mesmo só circulan os vehículos de mantemento do parque.

As obras contarán co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014/2020.

Comentarios