"Agora temos un proxecto moito máis consolidado"

Mar Blanco é candidata de Móvete na Estrada

Mar Blanco. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Mar Blanco. PATRICIA FIGUEIRAS

É a segunda vez que Movemento Veciñal Estradense concorre ás urnas. Hai catro anos deron a sorpresa entrando na Corporación. Plantexan dun xeito distinto esta campaña?
Presentámonos coa experiencia que dá estar catro anos na oposición. O proxecto de agora é moito máis consolidado. Avanzamos no coñecemento dos asuntos municipais e consideramos que é un proxecto maduro para entrar con forza no vindeiro Goberno local. Chegamos coa lexitimidade que dá o traballo feito. Fiscalizamos ó detalle a acción do Goberno e tamén trasladamos propostas veciñais.

Unha das propostas de Móvete, para a que lograron o consenso da Corporación, foi a petición de construción dunha Residencia para dependentes...
Efectivamente. En escasamente un mes recollemos 1.500 sinaturas e tamén conseguimos unanimidade no Parlamento, que aprobou unha resolución para instar á Xunta á súa construción. Ese foi un dos motivos polos que decidimos dar o salto á política, porque os partidos tradicionais moitas veces din que si por quedar ben, pero á hora de executar, non o fan.

En que se resume o programa electoral de Móvete?
As ideas pasan polo desenvolvemento de chan industrial, pola dinamización do agro, pola formación para que A Estrada volva ser un referente no moble, pola dinamización do comercio, polas políticas sociais, pola promoción da escola rural, pola creación dun censo de artistas do municipio, pola recuperación e posta en valor do noso patrimonio e pola democracia participativa e a transparencia para acabar coa corrupción política.

Comentarios