"Con 'Reino da Extinción' queriamos reflexionar sobre a cultura galega e sobre o idioma"

A compañía Amorodio debuta no mundo do teatro cunha comedia que mostra ao espectador distintas Galicias a través do tempo. Alba Nogueira, unha das protagonistas e almas máter deste novo proxecto, encarna nesta peza, que chegará ao concello de Caldas de Reis o 31 de outubro, a unha dama medieval do século XIII
A actriz vilagarciana Alba Nogueira. DP
photo_camera A actriz vilagarciana Alba Nogueira. DP

Alba Nogueira convértese, cada vez que sube ao escenario, nunha dama medieval do século XIII, unha das principais protagonistas de Reino da Extinción, a primeira obra da compañía Amorodio da que ela mesma é cofundadora e que está percorrendo Galicia. O 31 deste mes chegará a Caldas, terra da familia materna desta actriz vilagarciana, que non dubidou en entregar a súa vida a facer o que máis lle gusta: actuar.

Reino da Extinción está recorrendo Galicia e deixando moi bo sabor de boca nos espectadores. Cal é o ingrediente do éxito desta primeira obra da súa compañía, Amorodio?
Temos a sorte de estar sempre arroupados polo público. É unha comedia e ao falar da identidade galega é algo co que te achegas á xente. Espero que siga así.

Cal é o argumento que presentan aos espectadores desde o escenario?
Son catro personaxes de distintas épocas que conviven nun alén: unha da prehistoria, unha dama medieval do século XIII e un mariñeiro do século XVIII. Levan aí miles de anos e xa están aburridos e entre eles hai conflitos. E un día chega unha rapaza do futuro, do ano 2045, e hai un choque aínda máis grande; xa o había antes entre os tres e agora máis con esta rapaza do futuro. E neses conflitos aprécianse as diferentes Galicias, xa que, por exemplo, para Berenguela, a dama medieval que eu interpreto, Galicia era un reino, e para o mariñeiro xa viñeran os Borbóns...e así con todos.

Como naceu a idea destas catro Galicias?
Estabamos un día comendo os catro e pensamos: De que nos apetece falar? Imos a facer unha peza pero de que? Que é o que queremos contar? E entón, máis alá de que queriamos que fose unha comedia, queriamos tamén reflexionar sobre a cultura galega e sobre a situación do idioma -canta xente fala castelá, canta galego…- En definitiva, que é o que realmente nos define como galegos e galegas. Tiñamos xa esa mestura de ideas pero necesitábamos como canalizalas. E foi cando falamos con Laura Porto, directora e dramaturga, por se quería traballar con nós e que lle parecía este tema, e interesoulle. E a partir de aí fomos dándolle forma e ela creou a forma.

Xa coñecemos as tres Galicias do pasado pero...como é esa Galicia do futuro?
Ten un toque futurista. É a personaxe que quizais, en ideas, se poida asimilar máis ao presente, xa que fala do presente a través do futuro ou que podería acontecer se seguimos nesta situación. Eu creo que hai que vela para que cada un saque as súas propias conclusións (ri).

Como nace a compañía Amorodio?
Nós coñecémonos a través da escola e despois da pandemia queríamos sacar adiante algún proxecto, e vimos que a maneira de facer algo entre os catro era crear unha compañía. Entón motivámonos e fomos moi en serio. Contactamos co equipo, con Laura (directora e dramaturga), Iago, Dani e Bea (a escenógrafa). E así preparamos Reino da Extinción, para a cal pedimos subvencións e axudas. Ensaiamos en agosto e estreamos xa en outubro, é a nosa primeira peza.

Sen embargo, é un momento delicado para o sector cultural, que sufriu grandes perdas debido á pandemia. Mais aínda así, non dubidaron en poñer en marcha este proxecto...
Chegado a ese punto tampouco había nada que perder, polo que unha vez nos arriscamos, xa tiñamos esa loucura de querer facer algo e apostamos os catro por elo, pois entre nós atopamos un apoio forte e por iso seguimos adiante; tamén grazas a todo o equipo que nos fomos encontrando polo camiño e axudados das nosas familias.

Vostedes pediron subvencións para poñer en marcha este proxecto, pero acabou sendo financiado con cartos seus e cunha campaña crowdfunding...
Solicitamos as axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) pero non tivemos a sorte de que nolas concederan. Sacámolo nós adiante, e gracias tamén a concellos como o de Mos que nos cedeu o espazo onde ensaiar; o de Vilagarcía a residencia técnica e o de Vigo pola estrea, pero non recibimos ningún tipo de axuda económica. Pese a iso, nós puxemos o proxecto a andar, investimos nós. E como non tiñamos esas axudas decidimos facer unha campaña de crowdfunding. Xa o fixeron máis compañías e é unha maneira de que a xente nos coñeza un pouco e achegarnos ao público, xa que co crowdfunding tiñamos publicidade da peza e da compañía.

Como naceu o seu amor polo teatro?
Naceu xa de pequena. A min encantábame cantar e cantaba e facía espectáculo en reunións familiares sempre que tiña ocasión. Logo comecei en clases extraescolares de canto, e cando tiña 15 anos participei nos musicais do Rei León e de Shrek, e durante o proceso de representación das actuacións por distintos lugares deime de conta que o que facía gustábame realmente e pensei: Oxalá puidese traballar disto. Entón vin a posibilidade de que fose tamén o meu traballo, máis alá dun hobby, e fixen as probas para a Escola Superior de Arte Dramático en Vigo. E aquí estou.

Teñen algún proxecto de futuro máis aló de Reino da Extinción?
En canto ás pezas aínda estamos con Reino da Extinción, pero temos outros proxectos como Improvisa en igualdade, Mergúllate no teatro e Teatro a maiores, que son proxectos pedagóxicos para ir facendo cursos por colexios e institutos de distintos concellos. E é que, como para nós é tan importante o teatro, que é moi lúdico e que podes aprender a través del moitas cousas como a escoita ou a empatía, deseñamos estes tres cursos para pequenos, adolescentes, adultos e incluso maiores, para que a través do teatro traballar, por exemplo, a igualdade de xénero. Co Improvisa en igualdade xa fomos ao concello de Dozón. De feito foi a primeira saída de Amorodio como empresa e a experiencia foi moi boa, os rapaces estaban moi receptivos e nós aprendemos moito vendo a través deles.

A finais desde mes Reino da Extinción chegará a Caldas, a terra da súa familia materna. Que supón isto para vostede?
Sinto algo de nostalxia e melancolía aínda que non pasara aínda, porque eu nunca fixera unha xira en algo do que son parte e formo parte, como o é desta equipa. E levalo a Caldas é como ir a onda a miña familia, onde vive a familia da miña nai e supoño e espero que veñan todos a verme (ri). E iso tamén me transmite nerviosismo pero á vez paréceme un momento moi bonito. Porque se a min o teatro é o que máis me gusta, poder compartilo neses espazos que son da miña infancia é algo moi bonito.

Na Galicia do futuro, cal é o papel do sector cultural?
Eu creo que o sector cultural necesita apoios, non só por parte das institucións. É moi importante para transmitir cultura á sociedade. Houbo tempos difíciles? Si. Que os está a haber? Tamén. Que os haberá? Posiblemente. Pero creo que tamén hai algo bo dentro do sector, e é que non deixas de facer, non queres que se perda, e entón continúas.

Comentarios