O alcalde de Cuntis alerta da falta de médicos no Centro de Saúde

Manuel Campos denuncia que onte non houbo ningún facultativo e esixe a substitución do persoal durante as vacacións
Centro de Saúde do Concello de Cuntis. DP
photo_camera Centro de Saúde do Concello de Cuntis. DP

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, alerta da precariedade sanitaria na que se encontra o Centro de Saúde da localidade. Este xoves que no servizo médico cuntiense non contaban con ningún facultativo dos tres que conforman habitualmente a plantilla.

Ante a desatención aos pacentes, Manuel Campos comunicou na mesma xornada de este xoves ao xerente da área sanitaria de Pontevedra a gravidade da situación e o total rexeitamento do goberno local de Cuntis a unha precariedade que considera "totalmente intolerable".

O alcalde do municipio termal móstrase moi firme na defensa dunha atención primaria sanitaria de calidade á que teñen dereito todos os veciños e veciñas de Cuntis. "O que temos moi claro é que estamos ante un problema transcendente. Coa saúde da nosa xente non imos consentir que ninguén xogue", sinala o rexedor cun tono de considerable enfado pola grave situación que atravesan os usuarios cuntienses da saúde pública.

Manuel Campos repasa o sucedido nos últimos anos en casi todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia co tema sanitario e concretamente no municipio que goberna. Explica que o Centro de Saúde de Cuntis conta con tres facultativos e, polo tanto, "non se pode consentir este vacío que sen dúbida estase a repetir moi a miúdo".

O alcalde cuntiense recorda á Consellería a súa obriga de substituír as vacacións do persoal médico a fin de garantir unha sanidade de calidade. "Non quero entrar en polémicas pero isto é consecuencia dunha política sanitaria que nunca priorizou a saúde dos cidadáns".

Comentarios