O alcalde de Lalín propón reducir "a menos da metade" os concellos

Considera que con menos administracións locais no ámbito estatal daríase un mellor servizo aos cidadans ao reducir o gasto
El alcalde de Lalín, José Crespo. DP
photo_camera O alcalde de Lalín, José Crespo. DP

O alcalde de Lalín, o popular José Crespo, propuxo revisar o mapa municipal" tanto de España como de Galicia para camiñar cara a "modelos máis eficientes" que, "á vez que diminúen os gastos, presten máis e mellores servizos aos cidadáns". "Sería desexable que os concellos galegos quedasen reducidos a menos da metade", afirmou.

O rexedor lanzou esta mensaxe durante a súa partición na Comisión de reactivación posta en marcha na Cámara galega, na que sostivo que a situación actual pode supor unha oportunidade para emprender unha reorganización territorial que, ao seu xuízo, débese asentar sobre a "simplificación da estrutura administrativa, a clarificación da atribución de competencias", "eliminación de duplicidades" e "a aposta por concellos fortes, eficientes e solventes".

Para o rexedor de Lalín é necesario "conseguir" concellos "fortes e eficientes" con "unha verdadeira autonomía" o que, na súa opinión, "pasa por dotalos dos medios suficientes que lle correspondan por lei". "E iso ten que ser o Estado quen o faga, non as autonomías, e tamén propiciando unha redución dos custos dos servizos a través das fusións que levo defendendo desde o ano 2001", sostivo o que tamén fose presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Crespo considerou que "se cadra" os momentos que "veñen" despois da pandemia "so os máis adecuados" para "proceder a reformas estruturais de calado". "Trataríase de reformar o ámbito competencial para conseguir que a autonomía non sexa só nominal, senón de facto a través dunha reforma do sistema financeiro que incorpore aos concellos nunha participación suficiente dos ingresos do Estado", manifestou.

O rexedor de Lalín afirmou que esta fusión, que "debería levar a cabo a nivel estatal ao exceder as posibilidades de calquera autonomía", sería "necesaria" non só en Galicia senón "en toda España". "Se en Galicia sobran moitos concellos, só a provincia de Burgos, por pór un exemplo, ten case tantos como toda Galicia", afirmou.

Ademais de "restituír esta débeda histórica financeira", José Crespo pediu "recoñecer a autonomía local nun plano de igualdade entre os gobernos locais e os demais gobernos, tal e como recoñece a Constitución". "Seguimos sendo a cincenta das administracións", sostivo.

Neste contexto, tamén reclamou unha "descentralización" das competencias das deputacións en favor dos municipios "acompañada da correspondente dotación de recursos". "Esta reformulación territorial, que debe asentarse sobre a reforma da lexislación do réxime local, deberá porse en marcha canto antes", reclamou o alcalde, que asegurou que "outros países que tiñan moitos concellos levaron a cabo fusiones acertadas". "Só España e Francia quedamos atrás nese proceso", afirmou.

Crespo tamén se referiu á necesidade de "redefinir" as prioridades após a pandemia. "Por iso necesitamos concellos fortes, con dimensión suficiente e con capacidade para poder dar resposta ás demandas dos veciños e ter autonomía suficiente para iso".

É por iso que considerou que "sería desexable" que os concellos galegos "quedasen reducidos a menos da metade". "Nos mundos que corren non parece lóxico que un concello poida cumprir eses parámetros de eficacia e eficiencia se non ten unha cantidade de veciños que lle permitan ter solvencia política, administrativa e social", apuntou.

Crespo apelou a "non enganarse" e argumentou que "o mapa municipal é insustentable". "Non vale dicir que se faga voluntariamente porque nunca se fará, debería facerse cun gran pacto de estado de arriba a abaixo e non de abaixo a arriba", apuntou.

O alcalde de Lalín fixo esta proposta nunha comparecencia na que tamén abordou as necesidades dos concellos derivadas da pandemia e na que se mostrou partidario dunha baixada do Ive á hostalaría e apoiou a rebaixa de taxas municipais para beneficiar aos sectores afectos.

NTERVENCIÓN DOS GRUPOS

Despois das palabras do alcalde, o primeiro en intervir foi do deputado socialista Julio Torrado, quen discrepou das formulacións ofrecidas polo rexedor, do que considerou que acudiu á Cámara para exercer "de militante do PP".

Pola súa banda, o nacionalista Luís Bará asegurou "non compartir" que a solución aos problemas estea na "reforma administrativa" aínda que si considerou necesario revisar as deputacións provinciais por considerar que responden a "unha organización do pasado" que "non ten ningún sentido" na actualidade.

Con todo, o parlamentario do PPdeG Alberto Pazos tamén considerou que a reforma administrativa débese realizar "de arriba a abaixo" desde o Estado e lembrou que a Xunta xa favoreceu algunhas fusións de administracións locais. 

Comentarios