jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

"O alcohol está tan aceptado que os propios pais permiten que os menores consuman"

Xurxo Novoa Salgado, psicólogo e técnico de Prevención de Adiccións do Concello de Lalín. DP
Xurxo Novoa Salgado, psicólogo e técnico de Prevención de Adiccións do Concello de Lalín. DP
Xurxo Novoa defende que a información é esencial para previr as adiccións nos adolescentes e que as charlas impartidas nos centros educativos son de vital importancia. Considera que as propias familias deben xerar valores nos rapaces e rapazas antes de que cumpran os 12 anos, momento no que comezan unha "etapa crítica da súa vida"

O Concello de Lalín foi pioneiro na implantación do Servizo de Prevención de Adiccións. Que actividades leva a cabo?
Neste intre estase desenvolvendo o proxecto Aquelar II, que se puxo en marcha no ano 2020 e que depende da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e que abarca distintas áreas. En primeiro lugar, a nivel de prevención no ámbito educativo, con programas de promoción de saúde e de prevención de condutas adictivas tanto en Primaria como en Secundaria; e logo outros programas que tamén desenvolvemos a nivel familiar, como intervencións en terapias sistémicas en familias, onde algún dos seus membros ten algún tipo de adicción ou algún problema relacionado co consumo de substancias ou condutas adictivas e tamén facemos programas de sensibilización á poboación a nivel xeral e de intervención de orientación e asesoramento individual: que algún menor teña algún problema de consumo de substancias ou unha persoa que precise algún tipo de información ou derivación, xa que nós traballamos tamén en colaboración con Servizos Sociais, derivando familias ou con conexión cos centros educativos.

As familias acoden voluntariamente a vostede?
No tema das adiccións isto é realmente moi difícil. Xeralmente as persoas que acoden é porque teñen problemas legais, xudiciais, de saúde ou condutas disruptivas, pelexas… Ten acudido algún caso puntual de familiares que están preocupados polo tema das novas tecnoloxías, pero cando é sobre consumo é moi difícil que a persoa en si ou a familia vaia a este tipo de servizos. Soen vir normalmente derivados de Servizos Sociais ou dos centros educativos por partes de disciplina ou doutro tipo de comportamentos disruptivos. A nivel de consumo hai dificultade de intervención, porque en Primaria non se teñen moi claras as intervencións que se teñen que facer e nas unidades de desintoxicación non atenden a menores de 16 anos. E a idade de inicio do consumo, por exemplo do tabaco ou do alcohol, está sobre os 14 anos ou incluso menos. Hai nenos que con 13 anos xa empezan a consumir tabaco, alcohol ou outras substancias.

Referencias
"A partir dos 12 anos as referencias dos adolescentes non van ser os pais, senón o seu grupo de iguais"

Non hai un protocolo relacionado co consumo de substancias en menores nos centros educativos?
Non. Sería necesario un protocolo para menores de 16 anos. Xa hai modelos innovadores, como o dun equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela dirixido por Antonio Rial Boubeta na que se aborda a atención primaria, tanto en novas tecnoloxías como noutro tipo de substancias, pero este proxecto aínda está arrancando. E esta investigación ten que chegar a implementarse polas persoas competentes. Por exemplo, se se implanta en Educación serviría para facer unha detección e unha intervención precoz, porque debemos abordar as adiccións nese momento, xa que os menores son os máis vulnerables e os de maior risco.

E como se pode facer esta detección precoz?
Esta detección precoz do programa que propón o equipo de investigación dirixido por Antonio Rial Boubeta é a través dunha aplicación informática, que utilizan cuestionarios ou test de consumo de substancias que daría como resultado un indicador que establecería o tipo de risco: se non hai consumo, se é moderado ou se hai un problema. E desde aí xa se podería derivar, se hai un consumo de alto risco, a unha intervención precoz tanto co menor como coa familia. Estase traballando nestas liñas, pero aínda está en período de investigación e habería que valoralo. Veno como unha alternativa no cambio de modelo. Agora mesmo o que estamos facendo en prevención é simplemente acudir aos centros educativos, dar charlas e estar en contacto con eles e derivar o caso no caso de que se detecte algún problema. Pero é difícil e moito máis cando nos centros educativos non teñen protocolo de derivación. Téñeno no caso de acoso ou nas faltas a clase, pero non no consumo de substancias, e quizais sexa máis necesario intervir aí.

É o cannabis a droga máis consumida?
Si, en canto ás drogas ilegais a máis consumida é o cannabis. Por outra banda, este ano nas enquisas do Estudes baixou o consumo de cocaína pero subiu o éxtasis, é dicir, estimulantes maiores, de 14 a 18 anos. O cannabis é a droga ilegal máis fácil de conseguir para eles, e canto máis dispoñibilidade se percibe menor risco. Por exemplo, os menores sacan o alcohol da propia casa. E o problema é que está tan aceptado que os propios pais permiten que os menores consuman. E unha vez que se toman estas substancias legais, como o alcohol ou o tabaco, ábrese a porta a outras substancias.

Protocolo nos colexios
"Os centros educativos non teñen un protocolo no caso de consumo de substancias por parte de menores"

O Concello de Lalín, a través do Servizo de Prevención de Adiccións, está ofrecendo charlas nos colexios de secundaria para dar información ao alumnado sobre as adiccións a través do proxecto Saúde na escola. Cal é o grado de participación do alumnado nestas accións informativas?
Como adolescentes que son, hainos que participan máis e outros menos. E ao mellor o que non di nada é un cativo que consume, porque non só consumen os máis rebeldes. Nesta edición o que vemos é que detrás das adiccións hai unha especie de fantasma onde se ven todos estes mitos favorecedores tanto do consumo de cannabis, de alcohol ou doutras substancias. Por exemplo, no caso do alcohol, mitos como o de que se tomas un chicle ou bebes auga non das apositivo; e no caso do cannabis que é bo para as enfermidades, que repercute a nivel económico se o legalizamos… aí vense todos os intereses que pode haber detrás da industria ou doutros sectores.

Este tipo de campañas de información, dan resultado?
Si, son vitais, e así e todo quedámonos cortos, sobre todo porque hai industrias detrás que che din todo o contrario. Incluso influencers que saen en fotografías con diferentes drogas. Toda esta información aínda segue habéndoa a día de hoxe.

Deberían as familias dar máis información sobre as drogas?
As familias téñeno todo ata os 12 anos. A partir de aí perdérono, porque a partir dos 12 anos as referencias dos adolescentes non van a ser os pais, senón o seu grupo de iguais. A partir dos doce anos son máis efectivas estas charlas. A familia pode intervir antes en forma de valores ou comunicación. A partir dos 12 anos teñen que seguir aí, acompañándoos, pero xa é máis difícil porque están traballando con adolescentes, con potencial adulto que está nunha etapa crítica da súa vida e a súa referencia non van a ser os pais, porque seguramente que todo o que lle digan van a facer todo o contrario simplemente porque está xerando a súa propia identidade. Polo tanto, as familias teñen que intervir pero canto antes mellor, non teñen que esperar. Falamos das drogas como do sexo, parece que son temas tabú, que non se lle pode falar diso aos nenos. E como son temas tabú e non se falan na casa, ao mellor o que din os amigos cala un pouco máis. Hai que dar información e xerar valores antes dos doce anos, porque logo os adolescentes van vivir das rendas desa etapa previa familiar.

Cada vez os mozos e mozas empezan a consumir substancias antes… cre que continuará esta tendencia?
Sobre todo vemos que no futuro hai un impacto importante das novas tecnoloxías, porque ata agora tratábase de temas de substancias, pero este ano a OMS xa consolidou o trastorno por adicción a videoxogos, que era algo que ata o de agora non preocupaba. E de cara ao futuro estase incrementando.

"O alcohol está tan aceptado que os propios pais permiten que os...
Comentarios