Alimentación e artesanía fusiónanse no Merca Delicadeza

Lalín inaugurou este venres a feira, que encherá de actividade a Praza da Igrexa ata o domingo ▶ Catro empresas uníronse ao selo de Artesanía Alimentaria de Galicia
O alcalde Xosé Crespo nun dos postos do Merca Delicadeza, en Lalín. DP
photo_camera O alcalde Xosé Crespo nun dos postos do Merca Delicadeza, en Lalín. DP

Tras o éxito da primeira, a segunda edición da feira Merca Delicadeza de Lalín abriu este venres as súas portas. O evento, que pretende converterse nun escaparate para os artesáns de produción alimentaria do municipio, encherá de actividade a Praza da Igrexa da localidade ata o domingo.

A feira está impulsada pola Consellería de Medio Rural, a través da Axencia de Calidade Alimentaria, en colaboración co Concello de Lalín. O alcalde, José Crespo, acompañado doutros membros da Corporación municipal, participou onte no acto de inauguración.

Crespo percorreu a trintena de postos que, nestes días, ofrecerán os seus produtos artesáns en horario de 11.00 a 13.30 pola mañá e de 16.00 a 21.00 horas pola tarde. O rexedor tamén se achegou a algunhas das actividades da programación do evento, adicada a todos os públicos e que contará con degustacións, catas e obradoiros impartidos por chefs, prescriptores e os propios produtores.

Os obradoiros foron inaugurados este venres con Creación de cianotipias, unha técnica de fotografía. Hoxe será o turno de Papel marmolado e a actividade do domingo estará centrada na técnica xaponesa Gyotaku.

Entrega de cartas

Con motivo da inauguración do Merca Delicadeza, catro empresas incorporáronse ao selo de Artesanía Alimentaria de Galicia. A firma Xeou! Helados, a de repostería Mamá Teresa, a empresa de queixos Quintián e a adicada á elaboración de produtos cárnicos Traloagro recibiron a carta de artesáns na primeira xornada do evento.

Este listado, creado no 2020, busca defender a súa profesión ante etiquetados engañosos, así como conservar unha tradición tan galega como a artesanía.