jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

A alta demanda obriga a incrementar os grupos de musicoterapia en Lalín

undefined
Paz Pérez e Avelino Souto visitaron este mércores os participantes da actividade. CEDIDA
Un total de 43 persoas maiores participan nesta iniciativa, que comezou a principios de mes

O programa de musicoterapia xerontolóxica que está a impartir o Concello no Lalín Arena, a través da Concellería de Política Social, vén de ampliarse a dous grupos, ante a elevada demanda que tivo a actividade desde que arrancou a comezos de mes, xa que se cubriron as prazas ofertadas en moi pouco tempo.

En total son 43 persoas usuarias destas actividades (un grupo de 21 e outro de 22) que teñen como fin potenciar a estimulación psicomotriz para atrasar o deterioro asociado ao envellecemento ofrecendo terapias beneficiosas para as nosas persoas maiores. O curso impártese os luns e os mércores, un grupo ás 16.30 horas e o outro ás 17.30 horas.

As persoas participantes na actividade que está a impartir a profesora Rebeca Sobrado recibiron este mércores a visita da tenente de alcalde, Paz Pérez, e do edil de Deportes, Avelino Souto, e aproveitaron para manter un intercambio de impresións con eles. As alumnas están recibindo moi positivamente este tipo de actividades municipais gratuítas que teñen como obxectivo dar cabida a cobertura e a un maior acompañamento das necesidades e demandas da veciñanza.

Concretamente estas actividades están enfocadas á estimulación psicomotriz para atrasar o deterioro asociado ao envellecemento

O programa está orientado principalmente a persoas maiores de 60 anos que presenten problemas leves de mobilidade derivados de dexeneracións óseo-musculares e sen carencias graves de mobilidade, así como as que teñan enfermidades de tipo cognitivo en estadios moi avanzados.

As persoas participantes realizan musicoterapia activa e levan a cabo exercicios estáticos e dinámicos dirixidos pola profesora. Estas actividades teñen como obxectivo mellorar a coordinación funcional, o equilibrio e a mobilidade en xeral; tonificar a musculatura corporal mediante a actividade física e ampliar o rango de mobilidade articular; traballar sobre a capacidade memorística dos participantes e achegar un importante compoñente lúdico ademais de reforzar os lazos de amizade e compañeirismo.

En todas as sesións desenvólvense exercicios que beneficien tanto o tren superior (cintura pera enriba) como o tren inferior (cintura para abaixo), así como exercicios que son favorables para o equilibrio e tamén se traballa sobre a relaxación.

Continúa Voltar a sentirnos ben 
A tenente alcalde e concelleira de Política Social, Paz Pérez, recorda que ata o venres continúa na Biblioteca Municipal o programa Voltar a sentirnos ben, orientado a mellorar a saúde emocional e física dos lalinenses, en horario de 16.30 a 19.30 horas, en sesións que versarán sobre intelixencia emocional, reorientación de emocións, comunicación non violenta, conexión coa natureza e hábitos saudables.

Precisamente a sesión deste mércores versou sobre Comunicación non violenta. E se falamos?, un método desenvolto polo psicólogo Marshall Rosenberg e usado na mediación de diversos conflitos internacionais no marco da ONU. 

Voltar a sentirnos ben é un programa promovido desde a Concellería de Política Social en colaboración con Educalecrín que ten como obxectivo xeral mellorar a calidade de vida da veciñanza lalinense dun xeito significativo a través do coñecemento de diversas ferramentas a utilizar no día a día.

A alta demanda obriga a incrementar os grupos de musicoterapia en...
Comentarios
ç