Un altavoz para as historias non contadas

O CIM da Estrada pon en marcha unha iniciativa a través da cal o alumnado da vila terá o seu espazo na radio municipal
undefined
photo_camera Presentación do proxecto 'As historias non contadas', este mércores no IES Antón Losada Diéguez. PATRI FIGUEIRAS

Un especial sobre a presencia das mulleres no mundo do motor, un coloquio coa artesá estrandense Vanesa Iglesias Casal e unha entrevista á fotógrafa e tamén estradense Marga Fraga son ata o momento os tres episodios que integran o catálogo dun programa que prevé seguir aumentando a súa oferta de contidos.

O salón de actos do IES Antón Losada acolleu este mércores a presentación do proxecto As historias non contadas, unha iniciativa promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Estrada e integrada na programación do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. A proposta consiste nun programa de podcasts, desenvolvido pola Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (Apaioga) e que están dispoñibles tanto na canle da Ollada da Sospeita, nas plataformas de Spotify e iVoox, como en Radio Estrada.

No acto de presentación interviron a edil de Servizos Sociais, Amalia Goldar; a directora do CIM da Estrada, Marga de la Calle; e Lara Fuentes, axente de Igualdade.

Na súa intervención, Goldar fixo fincapé "nas potencialidades dun formato como o podcast para achegar coñecementos dun xeito lúdico tanto para quen o fai como para quen o consume".

Pola súa parte, a directora do CIM, Marga de la Calle, salientou "o fantástico traballo feito por todos os axentes implicados na iniciativa, desde a predisposición de todo o alumnado por sumar o seu gran de area ata o traballo do corpo docente por facilitar co seu labor a materializacion deste proxecto".

No mesmo sentido, a axente de Igualdade Lara Fuentes animou "a seguir apostando polo formato do podcast como ferramenta de difusión cultural".

A través desta actividade, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria do Concello, promóvese que o alumnado elabore os seus propios programas dotándoos de contidos nos que se recolla o papel das mulleres e se poña en valor o seu traballo en distintos eidos.

"As historias non contadas" ten o seu horario de emisión os mércores no espazo da Galería, en Radio Estrada, a partir das 11.15 horas da mañá e, do mesmo xeito, os episodios tamén están dispoñibles nas canles de Ivoox e Spotify da Ollada da Sospeita.

Comentarios