Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

Alto, os Xenerais na Bandeira!

Os protagonistas foron os xenerais adultos e infantís. PATRICIA FIGUEIRAS
Os protagonistas foron os xenerais adultos e infantís. PATRICIA FIGUEIRAS

A vila silledense recuperou a tradición perdida da batalla dialéctica coa parroquia de Lamela nun atranque no que participaron oito cabaleiros de ambos lugares e no que outros tantos nenos e nenas protagonizaron o Alto Infantil

O Entroido dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico de Galicia, cumpriu este sábado coa súa segunda cita na comarca dezana. Logo do atranque vivido a pasada fin de semana na parroquia silledense de Lamela, xenerais, correos e centinelas recalaron na xornada sabatina na vila da Bandeira. Despois de anos sen facelo, volveron enfrontarse dialecticamente os de Lamela cos da Bandeira, unha batalla que noutros tempos se realizaba xusto na fronteira entre ambas.

"As comparacións non son bonitas/ Bandeira pobo exemplar/ Fortín da Pomba, Xirandola, petanca/ equipo de fútbol, coro, teatro e ata danza/ que veñan os de Lamela/ que a cultura non nos gañan" foron algúns dos versos das arengas que pronunciaron os oito xenerais adultos (seis da vila anfitriona e dous da veciña) que realizaron o atranque. Antes deles foi a quenda dos cativos e cativas, no Alto Infantil organizado polo CEIP Ramón de Valenzuela, no que participaron tamén oito rapaces e rapazas.

A orixinalidade e a retranca volveron adornar as composicións, de temática variada e actual. Houbo alusións, por exemplo, á loita feminista. "Falando de muller/ ese tema ten pa" rato/ violacións, desigualdad e incluso maltrato/ non só iso, que tamén brecha salarial/ a ver se entendemos/ que o feminismo é igualdad", argumentaba outra das estrofas. Houbo tamén un desfile de máscaras e parrandas e un baile de disfraces pola noite para poñerlle o broche a unha xornada que se abriu co paseo polas rúas da Bandeira de catro cabezudos, una tradición recuperada hai uns anos grazas a un obradoiro impartido por Anxo García, de Viravolta Títeres, no que se elaboraron os personaxes.

VERMÚ DE SEÑORITAS. O Entroido tamén se deixou notar este sábado en Lalín, onde se viviu un concorrido Vermú de Señoritas que eles compartiron caracterizados de mulleres e elas, de homes. Pequenos e maiores encheron de humor e elegancia moitas das terrazas da capital dezá. Algúns pasaron a saudar ás autoridades políticas e artistas que participaron na inauguración da exposición EmporcArte, no Museo Municipal.

Tamén na comarca de Tabeirós-Terra de Montes Don Carnal se deixou ver. Na Estrada, por exemplo, houbo unha festa infantil e un baile de disfraces con xogos, obradoiros e un espectáculo de maxia e Soutelo de Montes parodiou a voda do ano en Galicia, a de Marta Ortega, a herdeira do imperio Inditex.

Alto, os Xenerais na Bandeira!
Comentarios