Alumnos de La Encarnación axudan á recuperar Segade coa plantación de 33 carballos

No centro educativo inciden na sensibilización medioambiental dos escolares de todos os cursos, e na importancia de protexer a natureza
Os escolares gozaron dunha xornada ao aire libre na que tamén fixeron unha ruta a pé.
photo_camera Os escolares gozaron dunha xornada ao aire libre na que tamén fixeron unha ruta a pé. DP

Encarnación plantou 33 carballos na finca municipal da Fábrica da Luz e da fervenza de Segade. O proxecto Plantamos a nosa landra iniciouse o ano pasado, na etapa infantil, coa recollida de landras na Carballeira de Caldas, a súa posterior plantación en sementeiros, responsabilizándose do seu coidado durante máis dun ano, ata a plantación definitiva de este xoves en Segade.

A cativada gozou como nunca da actividade ao aire libre, facendo a ruta a pé, plantando as árbores, compactando a terra e regando os novos carballos de Segade. O profesorado destacou que no Colexio inciden moito na sensibilización medioambiental do alumnado de todos os cursos, e na importancia de protexer a natureza e de plantar especies autóctonas, pero tamén en cuestións da vida cotiá como o aforro de auga e electricidade ou o reciclaxe separativo do lixo.

A actividade foi posible grazas á colaboración do equipo do Obradoiro Dual de Emprego Os Camiños do Camiño que segue co acondicionamento de toda a zona; da Brigada Forestal do Distrito 19 da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, e do Servizo de Medio Ambiente do Concello de Caldas de Reis, así como do voluntariado da asociación Asoprovida que colabora habitualmente co centro educativo na súa horta escolar.

O concelleiro de Medio Ambiente da vila termal, Manuel González, felicitou ao Colexio La Encarnación pola súa iniciativa e convidou a todos os centros de educación de Caldas de Reis "a coñecer máis a fondo a contorna da Fábrica da Luz e a contribuír con diferentes iniciativas sostibles no proceso de recuperación de Segade como espazo natural e educativo".

Comentarios