Ana Cabaleiro: "Intentei recrear o mundo das mulleres, pero tamén como é actualmente o rural na Galiza"

A xornalista silledense é a terceira muller que gaña o Premio García Barros

Ana Cabaleiro López. LAURA GARCÍA
photo_camera Ana Cabaleiro López. LAURA GARCÍA

Era a primera vez que se presentaba a este certame?

Pois si. E é tamén a primeira vez que escribo novela. Teño mente de relato, sempre o defendín e gústame moito, pero quería experimentar outro tipo de formato. Levaba tempo traballando nela e pensei que se conseguía rematala presentaríaa ó García Barros porque para min ten un simbolismo. Profesionalmente comecei na Estrada, coñecín o premio traballando, cubrino entre o 2000 e o 2004 e sempre me quedei moi enganchada ós libros dos autores e autoras que o gañaron. É un premio ó que lle teño moito cariño. E despois, que en trinta edicións son a terceira muller que o gaña, que iso tamén ten outro simbolismo aparte.

Precisamente, a súa novela ten unha carga feminista moi importante...

Cando falo da miña obra non vexo tanto feminismo, senón que o feminismo véxoo en min, en todo o que son: muller, feminista e nacida no rural e iso sempre vai estar presente no que traslado. O que intentei facer en As Ramonas foi recrear ese mundo de mulleres, que é un mundo feminino, pero tamén como é actualmente o rural na Galiza, que é cambiante. Esa carga que arrastramos como sociedade e como muller tentei metela nun mundo totalmente contemporáneo, sen que houbera costumismo. Fago bastante descrición de paisaxe, pero procuro que non sexa a habitual, senón unha nova mirada (a protagonista é artista). Como autora gústame situarme no presente e aínda que a novela ten unha carga histórica, no mundo do tren, sobre todo, todo o demais é moi actual. Deste xeito, calquera persoa que hoxe en día elixira vivir no rural ou nacera nel pode sentirse identificada.

Apunta o xurado que o título é alusivo ós personaxes da súa familia que levan ese nome. É así?

A da novela é unha familia desestruturada, a miña non (Ri). Así que, autobiográfica non é. Pero si é certo que a quixen situar en Saídres, a miña parroquia. Por un lado resúltame cómodo para falar con propiedade e poder fabular e, por outra banda, pareceume que pode ser unha parroquia de interior calquera coa que o lector se pode sentir identificado.

Comentarios