Ana Peleteiro, o Museo do Pobo Galego e Tamparrantán, premios San Martiño

O galardón estradense recoñece na súa 29ª edición a aposta pola normalización lingüística da atleta de Ribeira, do centro con sede en Compostela e do grupo tradicional
Ana Peleteiro nunha das súas competicións. DP
photo_camera Ana Peleteiro nunha das súas competicións. DP

O Padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, reunido o pasado xoves na Estrada, deu a coñecer este luns os nomes dos galardoados na edición deste ano, a 29ª. Así, o premio á Normalización no ámbito galego recae na atleta de Ribeira (A Coruña) Ana Peleteiro. O recoñecemento á Normalización durante toda unha vida recibirao o Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, e o galardón pola Difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes recollerao a Asociación Cultural Tamparrantán –na imaxe inferior–, nacida na parroquia estradense de Santo André de Vea.

Os premios serán entregados o próximo novembro nun acto aberto ó público que se celebrará, como é costume, no Teatro Principal da Estrada. O Padroado dos San Martiño está integrado polo edil Juan Constenla e por Henrique Vázquez, Lourdes Dono, Iván Sanmartín, Carlos Andújar, Luis Ferro e María Sanmartín Ruzo.

O xurado decidiu distinguir a Peleteiro por ser unha "recoñecida defensora do acento, a lingua e a cultura galega, facéndoo publicamente en moitos medios de comunicación". A deportista, sexta en Triple Salto nos Mundiais de Atletismo que recentemente se disputaron en Doha é a actual campiona de Europa en pista cuberta na súa especialidade. A Real Federación Española de Atletismo (RFEA) elixiuna en 2011, 2012 e 2013 como mellor atleta española junior. Tamén en 2013 recibiu o Premio Princesa de Asturias.

Por otra banda, o Padroado quixo recoñecer o traballo que dende a apertura das súas primeiras salas, en xullo de 1976, realiza o Museo do Pobo Galego a prol da normalización lingüística. "Constituíuse como un organismo ao servizo da comunidade e sempre comprometido coas tradicións e costumes galegas que a miúdo resultaron esquecidas ou relegadas da historia oficial", destacan os membros do xurado. En 1993, a Xunta recoñeceuno como Centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia e en 2008 recibiu o Premio Nacional de Cultura Tradicional e de Base.

Pola súa banda, a Asociación Cultural Tamparrantán naceu a finais dos anos noventa e actualmente conta con 80 persoas (con idades entre os tres e os 65 anos) que asisten ás súas clases de gaita, percusión, pandeireta e baile. Con este premio, ve recoñecida a súa labor formativa e tamén de recompilación, investigación e estudo da indumentaria popular. Entre outros galardónss cos que foi distinguida, destacan os acadados no certame de exaltación do traxe galego que se celebra en Santiago de Compostela. Ó longo dos anos tamén traballou noutros campos da cultura galega, como a recuperación do traballo do liño, que historicamente tivo moita importancia no Val de Vea.

Comentarios