Carolina Cabaleiro, soldadora

"Animo a todas a que se atrevan"

A silledense Carolina Cabaleiro é a única alumna do ciclo de Soldadura e Caldeirería do instituto de Vila de Cruces. É deseñadora de interiores, pero a crise obrigouna a reciclarse. "Nunca collera unha radial nin soldara na miña vida. É un reto, pero pode calquera", asegura
Cabaleiro, traballando días atrás no taller do instituto cruceño no que cursa o Ciclo Medio de soldadura e Caldeirería. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Cabaleiro, traballando días atrás no taller do instituto cruceño no que cursa o Ciclo Medio de soldadura e Caldeirería. PATRICIA FIGUEIRAS

Nove alumnos e unha alumna, a silledense Carolina Cabaleiro, estudan segundo curso do Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería que se imparte no instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces. Se nada se torce, nuns meses, converterase na primera muller en obter o título da especialidade neste centro. Houbo unha precursora, hai anos, pero non conseguiu rematar. "Intentouno, pero vou ser sincera: non foi capaz, porque na súa época era un ciclo un pouco machista. O ambiente danouna moito", recoñece Carolina. No seu caso, os primeiros días do curso pasado deu con algún compañeiro que "por inmadurez, non soubo como actuar" ó vela na clase, pero a situación foise normalizando e a día de hoxe só ten «eloxios» para alumnos e docentes.

Cursou BUP no seu tempo e estudou Deseño de Interiores no Mestre Mateo, en Santiago.
Deseguida atopou traballo na súa rama, pero a crise pegoulle de cheo. Hai tres anos, e logo de 18 desempeñando a súa profesión nunha moblaría cruceña, quedou sen emprego. "A circunstancia de que eu elixise este ciclo foi terme que reciclar". Non é das persoas que quedan na casa "choromicando", así que optou por esta modalidade de formación, ó entender que é a que pode reportarlle unha volta máis rápida ó mercado laboral.

Así foi como logo de máis de dúas décadas sen pasar polas aulas, e con case 46 anos, retomou o hábito de estudo. "Había un montón de tempo que me atraía o sector do metal, porque me encantan os interiores industriais e tipo loft", así que a elección foi doadada. Poida que o seu lugar de nacemento, o País Vasco, lle influíse. "Alí o metal foi toda a vida súper importante e hai mulleres no sector, máis que aquí. En Galicia hai moi pouquiñas soldadoras, case ningunha. Para min non é unha cuestión de xénero, é un traballo que pode facer calquera", di.

A xente puxo o grito no ceo. En xeral, non o entendía. Que que se me perdera a min aí? Chocoulles moitísimo

Cando comunicou a súa decisión de matricularse no ciclo, a primeira sorprendida foi a familia e o seu entorno máis cercano. "A xente puxo o grito no ceo. En xeral, non o entendía. Que que se me perdeu a min aí? Pensan que por natureza teño aptitudes innatas para outro tipo de cousas. Chocoulles moitísimo". Pero ela tívoo claro. "É un reto, pero cando ves que no que ti realmente sabes facer non tes traballo, ou te reciclas ou non volves traballar na vida. Se isto non vai para adiante, estudarei outra cousa, téñoo claro. Pero espero que si, porque me gusta moito. Paréceme apaixoante. É un 'mundillo' moi completo", explica. "Querer é poder".

"FALÁBANME CHINÉS"

Os comezos foron complicados. "Non collera unha radial nin soldara na miña vida; non sabía nin como eran as máquinas, así que foi un atrevemento pola miña parte". O primeiro día que entrou no taller do instituto "foi unha labazada de realidade, imaxino que como para o resto dos compañeiros homes, pero non o demostran tanto", bromea. "Nunca traballara nun taller, así que sentía que me falaban chinés", máis, deseguida Carolina colleu o fío. "A día de hoxe non teño a percepción de que polo feito de ser muller teña que demostrar máis, aínda que este é un mundo moi competitivo, as cousas como son", engade.

A punto de cumprir 47 anos (o mes que vén), Carolina anima "a tódalas mulleres a que se atrevan. Se eu son capaz de facer o ciclo, pode calquera", afirma. "Está claro que é un sector moi masculinizado, pero a día de hoxe non hai o machismo que había antes. Soldar é unha cuestión de habilidade, non de forza", conclúe.

"Ó empresario ten que darlle igual se es home ou muller"
Unha vez remate o ciclo, Carolina pensa buscar traballo nunha empresa. Cre que será cedo para autoempregarse, porque aínda quere aprender máis. "Penso que os primerios pasos debes dalos nunha empresa, coñecer o seu funcionamento", explica. Terá que enfrontarse a un novo 
reto. "Creo que ten que haber empresarios e empresarias con mente aberta, ós e ás que lle ten que dar igual que sexas home ou muller. o que queren é que fagas o traballo ben", engade.

Pensando nas prácticas do ciclo, xa tanteou firmas do sector na zona e algunhas coas que falou "teñen o inconvinte de que non están preparadas, porque non teñen os baños e vestiarios independentes os dos homes dos das mulleres.Iso foi o que me dixeron. Non sei se por lei é así". 

Comentarios