Rafael Cuíña | Alcalde de Lalín

"Antes, cando ía pola rúa, dicíanme 'aí vai o fillo de Cuíña', agora din 'aí vai o alcalde'"

O rexedor lalinense fai balance dos catro anos de Goberno en coalición, do que salienta a xestión económica realizada, que permitirá acometer "importantes actuacións e investimentos" en caso de que repita triunfo nos comicios do 26 de maio. Cuíña fai un repaso á actualidade política local e autonómica e fala do seu partido sen cortarse

Rafael Cuíña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rafael Cuíña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

En que cambiou Lalín nestes catro anos?
A xestión deste Goberno supuxo a entrada de aire fresco. Fomos un exemplo democrático para outros concellos. Apostamos por unha política de transparencia que se perdera. Temos os pés no chan. Estamos preto da xente. Antes ver ao alcalde polas rúas era moi difícil.

Que quedou no tinteiro?
Hai que avanzar en cuestións como o desenvolvemento de infraestruturas no rural. Cando tomei posesión en 2015 dixen que este sería un mandato de pequenas cousas, necesarias no día a día. Agora toca prepararnos para un segundo mandato con grandes proxectos. Cumprimos cos parámetros e agora podemos facer fortes investimentos sen endebedar ao Concello, cousa que antes era imposible.

Algunha actuación en mente?
Humanizacións en diferentes rúas. Gústame a idea de cidade que desenvolveu Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra. Imos avanzar nese sentido, sobre todo no rural. Cos fondos europeos pendentes de proxectar ata 2021 e a débeda próxima a cero poderemos asumir retos importantes. Queremos mercar tamén un antigo cine e rehabilitalo para convertelo en centro social. En Lalín a cultura é vida. Tamén haberá que dotar de servizos ao rural, onde vive case a metade da poboación. No núcleo urbano temos 11.000 veciños e no rural 9.000 e pico. Antes era ao revés.

Fala da poboación. Lalín leva anos estando no límite dos 20.000 habitantes.
Unha das cousas das que máis orgulloso estou é de que somos dos poucos concellos de Galicia que están a gañar poboación. O anterior alcalde (Xosé Crespo) díxome no seu momento que acabariamos perdendo a condición de vila de primeira categoría (aquelas que teñen máis de 20.000 censados), porque por cada nacemento aquí morren cinco persoas. Eu díxenlle que tiñamos que traballar no tema de empadroamento. Aquí vive xente que non está censada. Baixamos ata os 20.004 habitantes, co risco de perder moitas achegas. Agora mesmo estamos en 20.218. Penso que temos salvada a categoría para bastante tempo.

O reto demográfico é algo a nivel autonómico, non só local.
Desde moi neno xa escoitaba a Manuel Fraga dicindo que o principal problema de Galicia era a demografía. Nos últimos anos houbo diferentes gobernos e a cuestión segue sobre a mesa. Fálase de tomar medidas, pero os números cantan. Nós en Lalín baixamos os impostos ata o mínimo legal. Os dirixentes anteriores tiñan o IBI disparado en plena crise. Deixamos de ingresar 200.000 euros que recuperamos a través doutros ámbitos, a través dunha boa xestión de recursos públicos. Se os empresarios e comerciantes teñen que pagar menos taxas e gozan de seguridade á hora de afrontar o futuro é máis sinxelo tomar a decisión de ter fi llos. Nun contexto precario é difícil.

Como define a relación de Lalín coas administracións supramunicipais?
Coa Deputación a relación é excelente. Teño moita empatía con Carmela Silva. Coincidimos en moitas cousas, como tamén co vicepresidente (César Mosquera). Eu fun moi crítico co clientelismo que había na Deputación de Rafael Louzán. Agora sabes desde o 1 de xaneiro o que che corresponde. En canto á Xunta de Galicia, a relación persoal co presidente e cos conselleiros é correcta, pero é unha Administración partidista que funciona en base a quen goberna. Sucedeunos en cuestións de Sanidade, nas que non estivo á altura dos veciños de Lalín. Iso acabará pasándolle factura. Nestas institucuións hai que ter altura de miras. Se só estás pendente do poder estás abocado ao fracaso. Por último, co Estado en cuestións de infraestruturas non teño grandes queixas.

E coa oposición?
Para o PP foi un ‘shock’ perder a Alcaldía. Nunca pensaron que pasarían á oposición e a súa forma de proceder vén marcada polo rancor que lle produce que fose elixido alcalde no meu primeiro intento. Iso xa non mo vai quitar ninguén. Querían transmitir que eu era o neno ‘pijo’ que se meteu na política porque non tiña outra cousa que facer, a pesar do meu labor empresarial. A miña ambición non era sacar de aí ao PP, senón eliminar certos costumes que se deron nos últimos anos. Ollo, creo que Crespo foi un moi bo alcalde, pero nos últimos tempos perdeu a noción da realidade. A nivel persoal non lle desexo ningún mal a Xosé Crespo, pero a min intentoume destruír. En política debe haber límites que o PP sobrepasou.

Fala das acusacións sobre as súas supostas conversas con xente vencellada á trama ‘Púnica’.
Queren relacioname cun asunto sobre o que no sumario se di que esas conversas tiveron lugar en 2014, antes de que eu fose alcalde. Hai que ser moi ‘burro’ para actuar así. É un sinal de desesperación, porque a ninguén se lle ocorre facer un movemento así. Querían crucifi carme a nivel político con esta cuestión. Investigando un pouco démonos conta de que esas conversacións foron na época de Crespo na Alcaldía. Algúns pediron perdón, pero el non tivo a humildade de recoñecer que se trabucou.

Vai tomar medidas?
A miña cabeza e o meu avogado dinme que podería ir ao Xulgado a presentar unha denuncia por inxurias, calumnias e mesmo por presunta prevaricación. Pero o meu corazón faime pensar que me recomendaría meu pai. Pola relación de toda a vida que tivemos con Crespo seguramente diríame que non denunciase. Non me gusta xudicializar a vida política.

Que opina de limitar mandatos a números concretos?
Sempre me mantiven nesa liña. En condicións normais esta será a última vez que me presente ás eleccións. Con dous mandatos debería ser suficiente. Pero é certo que iso tamén o dixo Feijóo e aí segue. Nunca se sabe. Se vexo que hai perigo de que volvan certas políticas igual valoro continuar, pero tamén é certo que ninguén é imprescindible.

Que tipo de campaña electoral agarda?
Espero moita dureza e pouca lealdade persoal. Xa quedou claro que camiño quere tomar o Partido Popular. Eu vou facer unha campaña en positivo. Sempre dixen que me ía comportar con Crespo do mesmo xeito que el me trate a min. El sacou o tema da ‘Púnica’ e eu contesto en función do que di. Non tiña previsto ir por ese camiño. Nos caixóns do Concello sempre hai temas cos que, se queres sobrepasar certos límites, podes facelo, tanto sobre asuntos que eles coñecen como con outros que non saben que eu sei. Non estou dicindo que garde un as, pero non vou tolerar cuestións noxentas. De min, desde logo, non vai partir ningunha iniciativa deste tipo.

Nalgún intre pensou en presentarse á marxe de Compromiso por Galicia?
Houbo ofertas doutras formacións, pero estou centrado noutras cousas. Sei que CxG vai presentar entre 80 e 100 candidaturas en Galicia. Estou en contra de presentarse ás xerais, opino que é un erro e non vou facer ningún tipo de campaña. Hai que apelar ao voto útil. O meu partido equivócase gravemente e así llo manifestei aos seus responsables. De cara ao futuro, hai oco para unha forza galeguista progresista, pero hai que facer as cousas ben. En todo caso, estase a facer un gran traballo. Cen candidaturas non caen do aire, detrás hai moito labor.

Como valora a situación da esquerda en Galicia?
En Marea ten unha sorprendente tendencia ao sucidio político. No BNG, Ana Pontón está facendo un bo traballo, recompoñendo o espazo nacionalista O PSOE semella estar nun momento doce, pero en Galicia parece que lle falta algo, non sei exactamente o que. Este escenario fai que Alberto Núñez Feijóo teña motivos para estar tranquilo.

Na dereita, destaca sobre todo a irrupción de VOX.
A aparición fulgurante de VOX, ou de Podemos a raíz dos movementos do 15-M, son a consecuencia do fracaso das forzas políticas tradicionais. Hai movementos populistas que son moi perigosos e que lembran demasiado ao que acontecía en Europa nos anos 30. Se resulta que unha forza como VOX, que pretende eliminar as autonomías ou as políticas que se aplican contra a violencia de xénero, consegue 400.000 votos en Andalucía é que algo pasa. O problema é que o PP, en vista de que pode perder votos, intenta imitar a VOX. Non se decata de que, cando un partido copia a outro, por norma xeral o votante prefire ao orixinal. Por outra banda, está Ciudadanos, que naceu como un partido de centro-esquerda e agora defínese como liberal. Creo que ten un problema de identidade importante.

De que xeito poden afectar unhas eleccións xerais previas ás municipais?
Todo apunta a que o PP vai baixar e que a primeira forza vai ser o PSOE, con dificultades para gobernar. Pero en Lalín sucede como en Pontevedra: sempre gaña o PP, ata que chegan as municipais e gaña Fernández Lores. Isto era impensable noutras épocas. A credibilidade dos candidatos é moi importante, por iso non ten por que ser decisivo o que suceda nas xerais. De que xeito pode afectar a marcha de Nicolás González do PSOE á hora de negociar un novo Goberno municipal? As relacións co PSOE son excelentes. Non creo que haxa problemas nese sentido. O candidato é unha persoa moi solvente.

Que teito se marca?
Repetir resultado sería un fracaso. Foron moitos días de traballo e esforzo e iso tense que traducir en resultados mellores. Se non é así, entón é que non souben transmitirllo aos veciños.

Que sucedería en caso de que non gañase?
Duraríame o cabreo un día e medio. Continuaría como concelleiro. Pero o Concello precisa doutros catro anos de aire fresco.

Tivo que esforzarse o dobre para demostrar a súa valía polo feito de ser fillo dun referente político como foi Xosé Cuíña?
Non necesariamente. Raro é o día no que non me di un veciño "nesta parroquia xa o fixo todo teu pai". Hai algún tamén que me di que meu pai tería aberto un camiño en dous días. Pero hoxe en día fas iso e acabas na Lama. É curioso, porque hai electores que se senten cómodos votándome a min nas municipais e a Feijóo nas autonómicas. Creo que iso sucede cada vez máis. Eu antes ía polo rural e dicíanme "aí vai o fillo de Cuíña". Agora vai o alcalde. Iso cambia as cousas. Eu en 2015 percibía que había unha pequena posibilidade de acadar a Alcaldía e ninguén me cría. Agora debemos mellorar a nosa lista. Veña o que veña, hai que ter humildade, aceptar resultados e continuar mirando cara adiante.

Comentarios