A antiga liña de vagonetas aéreas de Novo y Sierra, declarada Ben de Interese Cultural

Trátase do único exemplo dun funicular para o transporte de arxila e de materiais cerámicos que se conserva na comunidade na actualidade
Imaxe da antiga liña de vagonetas aréreas. DP
photo_camera Imaxe da antiga liña de vagonetas aréreas. DP

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o decreto polo que se declara a antiga liña de vagonetas aéreas de Novo y Sierra como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento e como patrimonio industrial. Este decreto foi aprobado a comezos deste mes de xuño polo Consello da Xunta despois de que o Concello, por acordo plenario de novembro de 2019, solicitara a incoación do procedemento.

Os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural indican que os restos do funicular para o transporte de arxila e materiais cerámicos entre a Mina Mercedes e o río Ulla constitúe "o único exemplo que pode ser conservado dunha tipoloxía industrial moi presente e relevante en Galicia, a da produción cerámica". Este circunstancia e máis a súa orixe, datada en 1927, "fan que sexa un exemplo único na Comunidade Autónoma", conclúe.

O decreto ordena a inscrición da liña de vagonetas aérea no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e aplica o réxime protección establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para os restos conservados: sete torres e a zona de embarcadoiro.

O antigo funicular, que estivo en funcionamento durante máis de 80 anos, conectaba a Mina Mercedes coa antiga fábrica de cerámica Novo y Sierra e co porto no río Ulla. Da totalidade da liña, os restos conservados limítanse ao tramo comprendido entre a vía ferroviaria e o río.

As torres de celosía metálica dispuxéronse segundo o sistema alemán Bleichert, no cal dous cables permitían a circulación pechada de ida e volta combinando a suspensión e o percorrido por carrís dunhas vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilogramos. A zona de embarcadoiro completaba o sistema de soporte de material cerámico cun cantil de forma poligonal cara o río executado en fábrica de ladrillo, cun piar central que sostiña a última das rodas do sistema de xiro. Os restos deste embarcadoiro atópanse actualmente protexidos por un novo dique perimetral, despois da documentación e rexistro arqueolóxico de todos os elementos.

Comentarios