Antonio Lamas Carral: "Estamos empezando a saír da crise e precisamos chan a bo prezo"

Formou parte de anteriores directivas da AED e estivo á súa fronte nos dous últimos mandatos, de dous anos de duración cada un ► Agora inicia o terceiro, ampliado a catro, no que se marca como retos ampliar o número de socios e abrir o sector industrial a novos mercados

Antonio Lamas, diante da súa oficina, no casco urbano de Lalín. BLANCA PAZ (Asociación de Empresarios de Deza)
photo_camera Antonio Lamas, diante da súa oficina, no casco urbano de Lalín. BLANCA PAZ

INICIA O SEU TERCEIRO mandato á fronte da Asociación de Empresarios de Deza (AED), logo de ser proclamado oficialmente presidente o pasado mércores nunha asemblea extraordinaria. Antonio Lamas ten catro anos por diante para liderar un colectivo que conta cuns 350 socios.

Ningunha outra persoa presentou candidatura para rivalizar con vostede. Como interpreta isto?
Supoño que é porque cando dixen que me ía presentar, abrín as portas a calquera dos socios que quixera formar parte da xunta directiva. Por outra parte, penso que tamén os socios están apoiando a xestión que levamos feito nos útimos catro anos. Non creo que non haxa suficiente impliación, posto que xuntar ós 15 empresarios que foron na lista comigo non me deu moito traballo. Custoume máis facer a primeira xunta directiva ca esta.

É consciente o empresariado dezano da importancia de asociarse?
Penso que si e hai sectores nos que xa é fundamental. Para reclamar os dereitos é moito máis fácil facelo en termos de colectivo que individualmente. Por exemplo, dende que lle propuxemos ós socios que en tódolos polígonos se fixeran as cousas como asociación, que nos usaran como interlocutor ante as administracións, todos os empresarios o fan.

Lalín perdeu proxectos por falta de espazo e houbo empresas a punto de marchar porque non podían amplia

Unha das peticións que teñen sobre a mesa é a necesidade de máis solo industrial en Lalín. Hai proxectos que están marchando por mor desta carencia?
Ten que haber chan industrial de sobra para que non haxa nin a mínima dúbida de que a empresa que se queira asentar aquí, poida. Houbo firmas que, se tiveramos chan industrial suficiente, teríanse instalado aquí. Chan industrial, si, pero non a calquera prezo. Non falamos de 80 euros o metro cadrado, como é o caso, aínda que tampouco o pido a 9 euros, como está en Agolada. Logo, hai empresas que xa están asentadas que si demandan máis espazo, firmas que quixeron facer as súas ampliacións e estiveron a punto de marchar de Lalín por falta de chan. Ó final buscóuselle unha solución. Unha delas foi Reromas. Non digo facer un macropolígono, senón ter unha cantidade de metros idónea a dispor do empresariado a un prezo adsequible.

Ve receptibidade por parte das administracións para facelo?
Nos próximos días vou ter unha reunión con Xestur. Teño moi claro a idea que vou trasladar, a que veño dicindo hai ano e medio: hai que ter chan industrial. Se estamos empezando a saír da crise e os empresarios queren apostar por Lalín, aínda que nós defendemos a toda a comarca, teñamos solo industrial e a bo prezo.

Di que están empezando a saír da crise. É realmente así?
O téxtil, por exemplo, sufriu e sofre unha crise moi forte, pero hai sectores que están indo mellor, coma o agroindustrial, que ten proxectos en marcha. Eu aposto por el porque esta é unha zona gandeira importante. Non entendo como a día de hoxe non pode haber unha central leiteira na comarca do Deza. Cando eu era cativo había dúas. Foron proxectos que se esfumaron porque non se apostou por eles. Hai outros proxectos en marcha. O outro día responsables de Nudesa, en Silleda, dicíanme que a capacidade de produción de pensos que teñen se lle queda pequena e que están barallando construír outra nave. O sector da construción vai moito máis lento. Tiñamos demasiadas vivendas baleiras, pero, coidado, que agora xa non hai tantas e os alugueiros están empezando a subir. E o sector do metal está indo moi ben. O paro está baixando. Hai síntomas claros de que hai máis actividade.

Somos unha das asociacións exemplares de Galicia e da provincia. Estamos moi ben posicionados

Con este panorama, que retos se marca a AED para os próximos catro anos?
Dentro do sector comercio penso que o estamos facendo ben. Incorporamos xente nova que pode dar máis ideas e imos seguir na mesma liña. Si temos pendente o sector industrial e vai ser un dos nosos retos. Apostamos por darlle formación ó empresariado, por saír fóra da comarca, por facer visitas coma a viaxe que fixemos a Madrid, nas que os socios poidan vender o seu produto. Temos pendente tamén crear unha comisión de industria na que se poidan tratar ideas novas, iniciativas, e onde poida haber colaboración entre empresarios para poder desenvolver calquera proxecto, incluso fóra. Outro dos obxectivos é incrementar os socios. O maior número tivémolo en 2007, con 500, pero veu a crise e baixamos. Agora estamos empezando a repuntar, aínda que non ó ritmo que nós quixeramos.

Acaban de poñer en marcha unha iniciativa pioneira para comercio e hostalaría: unha aplicación para a fidelización de clientes con moeda propia, o biq point. Como está respondendo?
Cando fixen a visita coa directora xeral de comercio á Noite Branca, á verdade é que quedou alucinada. Imos poñer toda a carne no asador para que esta iniciativa funcione; é case un reto persoal. Queremos que o comercio poida darlle ese valor engadido ó cliente, poida fidelizado. Vai depender deles: se se implican, funcionará. Hai xa 70 establecementos que a manexan e 600 usuarios. É un proxecto piloto que queremos expandir a comercios e asociacións de Galicia.

Que peso ten a nivel provincial e galego a AED?
​Estamos moi ben posicionados e con moi boa reputación. Somos unha das asociacións exemplares dentro de Galicia e da provincia. Hai uns quince días fomos convidados pola asociación de Mos para presentarnos un dos seus proxectos. Convidáronnos a nós e ó polígono de San Cibrao das Viñas e iso é porque nos teñen de espello.

Comentarios