Erea Rey: "Aparte de xente nova no partido hai políticas novas"

Destaca o desenvolvemento económico que queren levar acabo no municipio
Erea Rey. DP
photo_camera Erea Rey. DP

O BNG de Silleda optou por unha cara nova para liderar a súa candidatura. Por que motivo?
Viron que Silleda necesitaba un cambio, necesitaba incorporar xente nova. Xente nova máis que nada para atraer xente nova que se vira representada; para innovar un pouco dentro do concello.

Presenta tamén un programa renovado?
Tamén. Aparte de haber xente nova no partido tamén habería políticas novas destinadas a todo tipo de xente, tanto mozos como xente maior.

Que destacaría del?
Destacaría tantas cousas! No BNG queremos impulsar o desenvolvemento económico no municipio, tanto no ámbito rural como nas vilas; queremos impulsar os sectores produtivos e ao mesmo tempo o sector industrial e o do turismo. Destacaría tamén a defensa do patrimonio, do medio ambiente tan importante agora neste concello polo tema de Campomarzo e os eólicos, ademais doutros temas.

Actualmente o BNG ten unha concelleira en Silleda. Aspira a incrementar o número de edís?
Totalmente. Imos a por todas, imos incluso a pola Alcaldía, e estamos convencidos de que van saír moi ben estas eleccións.

Que lle diría aos votantes indecisos?
Que votar é un dereito básico que nos custou bastante conseguilo e que é o momento de facelo. Isto non significa ter que meterse en política, senón pensar ben o que ti queiras construír para o futuro. E a única forma de decidir sobre o teu futuro é votando.