Aprobado o proxecto de construción do novo treito da autovía entre Santiago e A Estrada

O obxectivo da Xunta de Galicia é licitar as obras en abril, por máis de 32,3 millóns de euros
La AG-59 en el tramo de Santiago de Compostela. ARCHIVO
photo_camera La AG-59 en el tramo de Santiago de Compostela. ARCHIVO

Despois de máis dunha década de agarda, o ansiado proxecto de finalización da autovía Santiago-A Estrada por fin comeza a dar pasos en firme. Unha iniciativa que marcará un antes e un despois para a vila estradense, que poderá comunicarse coa capital galega en tan só dez minutos en coche.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de asinar a resolución da aprobación do proxecto de construción do novo treito de 3,5 novos quilómetros da autovía Santiago-A Estrada, entre A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.

Trátase da primeira intervención para o impulso da prolongación da AG-59, que dá continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo e que suporá un investimento da Xunta de 33.101.705 euros, no que se inclúe o pagamento dos 291 predios necesarios para executar os traballos. 

O obxectivo da Xunta é licitar as obras neste vindeiro mes de abril, para poder comezalas este ano. A intervención conta cun prazo de execución de 20 meses

O importe da contratación destas obras de prolongación deste novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago ascende aos 32.352.634 euros. A consellería de Infraestruturas e Mobilidade elevará nas vindeiras semanas ao Consello da Xunta a contratación das obras.

Características do tramo

En concreto, o novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.

En canto ás características deste novo tramo da autovía considérase unha velocidade de proxecto de 100 km/h, con catro carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros, beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores.

A súa lonxitude é de algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito. A Actuación inclúe seis novas estruturas: viaduto de Santa Lucía, tres pasos inferiores e dous superiores.

En concreto, redeséñase o enlace existente na Ramallosa que une a AG-59 coa estrada AC-841, que constará dun ramal dirección Santiago e un de saída á AC-841. O novo enlace que se construirá na AC-241 constará dunha vía de acceso á AG-59 en sentido Santiago e un de saída, que termina nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a estrada AC-241.

Tamén se executarán ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

Os traballos teñen un prazo de execución de 20 meses

As seis estruturas de nova construción son: o viaduto en Santa Lucía, de 150 metros de lonxitude; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa de 56 metros de lonxitude e outro no enlace coa AC-241 de algo máis de 39 metros de lonxitude; e os tres pasos inferiores.

O proxecto de trazado previo á aprobación da redacción do proxecto construtivo, que agora vén de aprobar o departamento de Infraestruturas da Xunta, conta tamén coa declaración de impacto ambiental favorable por parte do organismo competente.

Froito deste proceso, a Xunta, unha vez analizadas as achegas presentadas, incorporou ao proxecto construtivo un novo camiño de servizo entre os puntos quilométricos 106+300 ao 106+700, para dar continuidade e posibilitar a comunicación entre ambas as marxes da autovía. Ademais, executarase un novo camiño de servizo paralelo ao tronco da autovía proxectada entre os puntos 107+120 ata o 107+320 coa finalidade de mellorar os accesos e comunicacións entre ambas as marxes da nova infraestrutura, das leiras e explotacións gandeiras existentes nesta entorna.

Tamén se realizará un cambio de trazado e a reposición do oleoduto Coruña-Vigo que atravesa a traza da AG-59 en dous puntos: na zona do enlace da Ramallosa, no punto 100+240, e na zona previa ao viaduto de Santa Lucía, no 100+400. Inclúese, tamén, a modificación da sección dos pasos inferiores dos eixos 11 e 19 (puntos quilométricos 106+320 e 107+119) e do paso superior do eixo 17 (punto 104+789), co obxectivo de dar continuidade ao Camiño da Geira e dos Arrieriros interceptados pola actuación.

Segunda fase da prolongación

En paralelo, a Xunta segue avanzando no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía autonómica: outros catro quilómetros entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada. Esta intervención suporá un investimento da Xunta de 34,4 millóns de euros.

A prolongación da AG-59 é un obxectivo estratéxico da Xunta para mellorar a seguridade viaria e a vertebración territorial, permitindo reducir os tempos de viaxe entre os municipios de Santiago de Compostela e A Estrada a 10 minutos sen pagar peaxes.

As obras para completar a autoestrada entre as dúas localidades contarán cun investimento de máis de 65 millóns de euros.

Comentarios