Aprobado de xeito definitivo o PXOM de Portas, que guiará o desenvolvemento a 20 anos

O DOG oficializou o que supón o primeiro Plan do municipio, cuxa elaboración comezou hai 12 anos
Concello de Portas. DP
photo_camera Concello de Portas. FACEBOOK

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Portas, o primeiro co que contará o municipio, e que está chamado a guiar o seu desenvolvemento urbanístico durante os próximos 20 anos.

Esta publicación supón un fito histórico para o municipio no que respecta á súa proxección futura en materia de urbanismo. A publicación no DOG é, neste sentido, o paso definitivo de cara á entrada en vigor do novo documento, pendente tan só agora de que o Concello de Portas publique a través das plataformas correspondentes a normativa e as ordenanzas do Plan Xeral no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o inscriba a continuación no Rexistro do Planeamento Urbanístico de Galicia.

O documento co que agora o Concello de Portas dá un paso adiante de cara ao futuro, fora aprobado o pasado 10 de maio de xeito inicial pola Xunta, nun acto no que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou o documento na Casa Consistorial do municipio, acompañada polo alcalde Ricardo Martínez, e durante o que salientou que se trata do "resultado do traballo, do esforzo e da implicación de moitas persoas", nun plan que beneficiará a un total de 3.000 peroas que residen en Portas.

Tal e como lembraron dende a Consellería, Portas convértese no municipio número 111 de Galicia en contar cun planeamento adaptado e acorde á normativa urbanística vixente, unha ferramenta grazas á cal se poderá planificar e prever o seu crecemento, ao tempo que servirá de garantía para o seu desenvolvemento responsable, sostible e equilibrado co horizonte posto no ano 2041.

Cómpre lembrar que os traballos técnicos para a elaboración deste PXOM comezaron hai 12 anos. Durante este tempo, o equipo redactor estudou en detalle os case 23 quilómetros cadrados que abrangue o municipio, distribuídos ao redor das catro parroquias de Briallos, Portas, Lantaño e Romai. De toda a superficie do concello, preto do 84% aparece recollida no planeamento como solo rústico e outro 15%, como solo de núcleo rural. No novo PXOM tamén se recollen algo máis de 45.000 metros cadrados reservados para espazos libres e zonas verdes, e máis de 100.000 metros cadrados, para equipamentos comunitarios.

Tras a oficialización do documento, dende a Consellería quixeron destacar a importancia do PXOM de Portas a varios niveis, posto que ordena tamén o solo urbano o núcleo da Estación para facilitar os asentamentos neste ámbito a través de novos desenvolvementos, e prevé a creación de solo terciario e industrial para dar un pulo ás actividades empresariais e de servizos neste concello de pouco máis de 3.000 habitantes.

Neste sentido, as previsións son que permita a implantación de actividades innovadoras en solo urbano, a diversificación produtiva do medio rural e a potenciación dos valores ambientais e paisaxísticos do termo municipal.

Destaca, neste sentido, a parte do Plan que respecta ao solo rústico, e que foi elaborada coa intención de permitir a diversificación productiva do medio rural, así como a potenciación dos valores ambientais e paisaxísticos no municipio, tal e como detallaron dende a Consellería. 

Un minucioso Plan de 23 quilómetros
A redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Portas supuxo estudar en detalle os case 23 quilómetros cadrados de superficie dun municipio no que máis do 80% pertence a solo rústico e un 15% son núcleos rurais, polo que o obxectivo principal, e as directrices que marcaron a elaboración do documento durante algo máis dunha década tiveron a súa razón de ser en permitir o desenvolvemento urbanístico do municipio, pero salvagardando as zonas que así o requeriron.

Comentarios