Arlit dona 6.000 fundas de máscara para o alumnado de Primaria da comarca

En total foron 25 os centros de Deza e Tabeirós agasallados pola firma silledense
2020091214520911272
photo_camera Arlit entregou a representantes municipais as fundas. CEDIDA

A industria gráfica silledense Arlit Diseño e Impresión entregou este venres a representantes municipais dos concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes preto de 6.000 fundas personalizables para máscaras cirúrxicas ao fin de que poidan agasallar con dúas unidades a cada un dos 2.700 alumnos de Primaria da zona.

O acto de entrega destas fundas tivo lugar nas instalacións de Arlit, no parque empresarial Área 33 de Silleda, e contou coa presenza do alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira Mónica González; a edil de Vila de Cruces Mireya Otero; o concelleiro lalinense Avelino Souto; a edil de Educación da Estrada, Amalia Goldar; o concelleiro de Rodeiro Rubén Quintá; e a concelleira de Educación de Dozón, Tiffany Silva. Os representantes dos concellos de Forcarei e Agolada non puideron asistir e recibirán as fundas nos vindeiros días por mensaxería.

"A idea de fabricar e comercializar estas fundas personalizables xurdiu hai pouco máis dunha semana, tras ver que o protocolo de instrucións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade establecía a obrigatoriedade para o alumnado a partires de Infantil de levar aos colexios unha segunda máscara de recambio e un estoxo específico para gardala", explicou o xerente de Arlit, Alejandro Domato. Desde entón, a empresa xa leva comercializado máis de 50.000 unidades en toda España.

Pola súa parte, en relación ao reparto altruísta das 6.000 fundas de máscaras entre os escolares dos 25 centros de Primaria de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, o socio adxunto á dirección de Arlit, Felipe Iglesias, asegurou que é "unha pequena contribución de Arlit para axudar ás familias da nosa zona máis cercana a que a adaptación ao novo escenario post-covid-19 non lles supoña gastos adicionais na campaña da volta ao cole". Neste senso, agradeceu a implicación dos concellos "para facilitar a loxística da distribución nos propios centros educativos".

Comentarios