A artesanía da Estrada que conquista os chefs

As torneiras de Atalanta manteñen un oficio secular elaborando e vendendo pezas únicas de menaxe que locen en mesas da hostalería
Isabel Neira, torneira de Atalanta Madera Artesana, situada en Berres. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Isabel Neira, torneira de Atalanta Madera Artesana, situada en Berres. PATRI FIGUEIRAS

Isabel Neira fíxose "torneira por curiosidade", cando hai anos decidiu aprender do seu pai este oficio secular no que a súa familia leva trallando dende hai sete xeracións en Berres (A Estrada). Tras recoller a testemuña familiar, Isabel é a responsable, xunto coa súa irmá Ana, do taller e tenda artesá, Atalanta.

Isabel encárgase de elaborar as pezas de madeira, entre as que se atopan utensilios para a cociña, xaboeiras e mesmo xoguetes para nenos e soportes para móviles, unha das súas novidades. "O último que presentamos na feira profesional na Coruña Artesanía no Prato foi un muíño de pementa, que chamou moito a atención e un reposacubertos", afirma Isabel Neira. No caso do muíño,trátase dunha peza de gran complexidade porque ela mesma se encarga de colocar o mecanismo.

A artesá estradense traballa coa madeira de proximidade e utiliza para pezas pequenas madeira procedente de podas ou que polo seu tamaño non se pode utilizar noutras industrias e sería desbotada.

Pezas de artesanía da firma estradense. ATLANTA
Pezas de artesanía da firma estradense. ATLANTA

Ademais, na actualidade, Atalanta mantén unha colaboración con locais de hostalería recoñecidos como Casa Solla. "Os quebranoces e os pratos de madeira nos abriron a traballar con eles. Empezamos traballando coa nova onda de hostalería, que está moi vencellada co entorno e con traballar productos de proximidade e, sobre todo, que coida moito o detalle, a presentación... Eles estaban buscando novas formas de empratar e as pezas que estabamos a facer lle encaixaron", sinala Isabel Neira. "A medida que nos fomos metendo nese mundo empezamos a facer máis pezas por encargo. A menaxe que facemos ten a peculiaridade de que leva un acabado de uso alimentario que se pode lavar como calquer outro material", asegura a estradense.

"Para Begoña Rodrigo, que é a chef de La Salita, en Valencia, preparamos uns soportes no que ela presenta os entrantes. Son discos de diferentes madeiras, de camelia, de acivro, de madroño... Esas pezas son únicas e se poden usar como se fosen un prato calquera. A ela gustáballe o sabugueiro, así que lle fixemos os reposacubertos con ese material", afirma Isabel, e engade que "traballamos tamen a madeira de magnolio, pero os últimos activos que incorporamos á nosa páxina web (atalantamadera.com) son unhas bandexas que están decoradas reproducindo os serigrafiados da Ribeira Sacra".

Atalanta elabora e vende pezas de madeira para toda España, pero están traballando para abrirse tamén ao mercado da Unión Europea. Mentres, pezas únicas como o quebranoces e as artesas para o pan, un produto que cada vez se fai máis na casa, están sendo dos obxectos máis demandados e Isabel espera unha boa saída ao seu muíño de pementa. Para estas datas próximas ao Nadal ofrecerán descontos ao tempo que seguen elaborando pezas co coidado dos artesáns que traballaron coas mans durante séculos nesta aldea porque, como afirma Isabel Neira, "me daba moita lástima que ese coñecemento se perdera".

Comentarios