Un artista que leva con orgullo o nome de Cuntis polo mundo

As obras do escultor Maxín Picallo están espalladas por Europa e América
El escultor, ante su propia imagen. LOU QUINTEIRO
photo_camera El escultor, ante su propia imagen. LOU QUINTEIRO

De entre os oficios máis antigos e de grande enraizamento nas bisbarras das ribeiras do Umia (Cuntis, Caldas, A Estrada e Moraña) e do Lérez (Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Campo Lameiro) salienta o de canteiro.

Igrexas, mosteiros, pazos, hórreos, cruceiros, petos de ánimas, ornamentos relixiosos e laicos atópanse espallados por todo o país, froito do traballo de habilidosos artistas, recoñecidos algúns, pero esquecidos os mais deles.

No mes de xullo de 1998 inaugurábase en Cuntis un grupo escultórico en homenaxe aos canteiros, realizado polo escultor Maxín Picallo, nado na parroquia de Troáns, no ano 1940.

Esculpida en granito negro de Campo Lameiro e instalada nos Xardíns da Horta do Cura, garda un especial significado para as xentes do Baño pois foron elas, coas súas aportacións, as que o fixeron posible, xunto coa axuda do Concello e da Deputación.

A veciñanza recoñecía así todosos artistas da pedra que levaron con orgullo o nome da vila, e honraba un dos seus máis prestixiosos escultores, Maxín Picallo.

Nacido no seo dunha humilde familia, Maxín alterna a escola co coidado do gando. Nas horas de espera, enreda cunha navalla e comeza a súa vocación: frautas, figuras feitas coa corteza dos piñeiros... Máis adiante, o seu mestre, don José Losada, empeza a se interesar polos seus traballos. Señor José, O Ferreiro, lle regala dous punteiros e un martelo, e o carpinteiro ofrécese para lle dar clases de debuxo e aprenderlle a traballar a madeira.

Os veciños, sendo conscientes da valía de Maxín, tentan convencer ao pai de que o mande á Escola de Artes, mais a precaria economía familiar non llo permite, e pasará un ano na aldea traballando de albanel. Porén aos quince anos trasládase a Compostela.

O contacto coa cidade supón un descubrimento: as vellas rúas empedradas, a catedral, os monumentos, o paseo da Alameda, o imponente edificio da Escola de Artes... conforman un universo no que Maxín se sente engaiolado. É discípulo avantaxado de Asorey e Fernando Barral, cos cales chega a traballar nos seus talleres.

Ten que cumplir o servicio militar e é destinado a Vigo. Alí coñece o prestixioso escultor Xoán Piñeiro, natural de Goián, feito que marcará a súa vida pois, desde ese momento, a súa existencia quedará vencellada a aquel fermoso paraíso, á beira do Miño.

Tras algún tempo como axudante, decide instalarse pola súa conta. En 1967 exhibe a súa obra no Ateneo de Pontevedra con gran éxito. En toda Galicia hai esculturas de Picallo: Fontemiña, Moaña, A Guarda, Forcarei. Baiona...

Ten obra repartida por toda a xeografía e, moi especialmente, na Comunidade Valenciana. No ano 1978 faise cargo de reconstrución da igrexa plateresca de Biar. Despois esculpe o Monumento aos gelaters en Ibi e realizou múltiples exposicións.

Amais disto, Maxín Picallo ten obra en coleccións privadas en Porto Rico, Arxentina, Brasil, Suíza, Canadá e Arizona.

Comentarios