Seis artistas pintarán en vivo o patrimonio do Camiño ao seu paso por Silleda

Situaranse en enclaves culturais e naturais da Vía da Prata pertencentes ao municipio 
Ponte medieval de Chapa, na Vía da Prata ao seu paso por Silleda. TURISMO SILLEDA
photo_camera Ponte medieval de Chapa, na Vía da Prata ao seu paso por Silleda. TURISMO SILLEDA

O vindeiro sábado 20 de marzo terá lugar a xornada de pintura en vivo no marco do proxecto Trasdeza Pinta o Camiño, que promove o Concello de Silleda, dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Os e as artistas situaranse nos enclaves culturais e naturais da Vía da Prata que foron seleccionados polos escolares dos centros educativos silledenses, baixo diferentes criterios: importancia histórica, beleza paisaxística, calidade ambiental ou estado de conservación, entre outros.

Nesta xornada poderemos ver as creacións en vivo de Vanessa Barcala, Marisa Miguélez, Adrián Penido, David Bibián, Amalia López e Juan Liñares. Seis artistas silledenses con estilos e técnicas ben diferenciadas que recollerán baixo a súa óptica os recunchos máis bonitos do Camiño. Ese mesmo día faranse catro andainas con grupos reducidos de catro persoas que irán acompañadas dun Guía Oficial de Galicia.

Comentarios