Atalanta Madera e Maruxío presentan agasallos de Nadal "autóctonos"

Trátase da última proposta das firmas estradenses, con dúas bólas para a árbore diferentes e orixinais, acompañadas dunha galleta coa silueta do Apalpador ou de turróns veganos

Isabel Neira, propietaria de Atalanta Madera, e María Rivas, de Maruxío Terra e Sal, veñen de rematar uns orixinais agasallos de Nadal que se presentan como innovadores e "autóctonos", ao afastarse das típicas figuras que cada ano decoran as árbores de miles de fogares galegos.

Trátase de dúas bólas de madeira, unha de seis centímetros e outra de dez, con motivos navideños pero coa firma de Atalanta Madera e de Isabel Neira, é dicir, "con deseños propios e orixinais, coa nosa visión, que recordan ao Nadal pero que non son os típicos debuxos", explica a artesá de Berres. Así, "na bóla pequena fixemos unha estrela de Nadal autóctona, coa cabeza dunha landra; e na outra máis grande, un tocón dunha árbore cun gorro de Santa Claus e un agasallo e humanizámolo cunha cara", explica Neira, que subliña que os deseños que logo se plasmaron sobre os adornos navideños son feitos por Aldara Rodríguez.

E estas bólas completamente artesás van acompañadas cunha gran galleta ou cun turrón. María Rivas, responsable da elaboración destes deliciosos doces, explica que "xa o ano pasado sacamos tres turróns veganos, con chocolate, avelá e anacardo, e leva un toque de laranxa; e tamén os turróns de améndoa, no que un é especiado con canela, xenxibre, cardamomo e crabo e outro con pergamino da danza (da finca da Condesa da Estrada) e con licor de sabugueiro de Carabuñas".

Estes agasallos forman parte do proxecto SuMaS

Pola súa banda, a galleta ten a forma do apalpador, ao que lle puxo o nome de O barrigolo, e dentro da caixa leva a historia da figura deste personaxe "para achegar esta parte da nosa cultura e da nosa tradición aos máis pequenos", indica María Rivas, que explica que a galleta tamén serve para colgar na árbore de Nadal.

Estes agasallos forman parte do proxecto SuMaS, unha iniciativa con ADN estradense cuxo fin é fusionar a artesanía e a gastronomía ofrecendo sempre produtos sostibles e ecolóxicos.

A colaboración SuMaS supón deixar de lado os produtos globalizados e o industrial e apostar de cheo polo local e a artesanía, poñendo en valor conceptos tan importantes coma a sostenibilidade, o saber facer, o respecto ás materias primas e ó medio ambiente.

COMO MERCALOS. Os agasallos que Atalanta Madera e Maruxío Terra e Sal acaban de lanzar ao mercado pódense adquirir tanto nos obradoiros artesáns destas dúas firmas, situadas nos lugares da Mouteira, en Berres, e en Terreboredo, na parroquia de Souto, respectivamente, ou a través das páxinas web www.atalantamadera.com e www.maruxiogalletas.com.

Comentarios