Atención Temperá cumpre cinco anos de servizo a seis concellos desde Cuntis

Cinco profesionais atenden semanalmante a unha media de 60 rapaces de Cuntis, Caldas, Barro, Moraña, Portas e Catoira
                      A sede atópase no Centro Ocupacional situado no polígono da Ran.
photo_camera A sede atópase no Centro Ocupacional situado no polígono da Ran. CEDIDA

O Servizo de Atención Temperá, que xestiona o Concello de Cuntis, recibirá unha achega económica da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade de 109.979 euros neste ano 2023, e de 137.539 no próximo exercicio. En total serán 264.118 euros de subvención autonómica en dous anos, cantidade reforzada pola agrupación de concellos que prestan este servizo (Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Moraña, Portas e Catoira) cunha partida para mantemento do local, situado no polígono de A Ran.

Éste é xa o quinto ano que a agrupación de concellos presta este servizo que o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, considera "irrenunciable", xa que ofrece "unha atención especializada e fundamental á poboación infantil da comarca con alteracións de desenvolvemento ou risco de padecelas". O rexedor entende o servizo como unha garantía de integración social para os nenos e nenas de idades comprendidas entre cero e seis anos con problemas evolutivos e unha ferramenta fundamental para as súas familias.

Cinco profesionais, en disciplinas como a psicopedagoxía, a logopedia ou a fisioterapia, atenden semanalmente a unha media de 60 persoas usuarias, dos seis concellos agrupados.

A xestión do servizo é realizada polo Concello de Cuntis que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias, entre outras cuestións.

Nesta liña, Campos puxo de manifesto o "compromiso da agrupación de municipios, para seguir ofrecendo de maneira conxunta este servizo tan importante no futuro que permite dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os menores dos diferentes municipios".

Comentarios