Aumentan as consultas ao CIM de Lalín sobre violencia machista

Nos primeiros seis meses deste ano contabilizáronse 125, fronte a un total de 122 que se realizaron ao longo de todo o 2021
Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero celebrada onte no Concello de Lalín. DP
photo_camera Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero celebrada onte no Concello de Lalín. DP

O Centro de Información á Muller (CIM) de Lalín constatou un aumento de consultas atendidas sobre violencia machista, pois contabilizándose 125 consultas nestes seis meses fronte a un total de 122 ao longo de todo o 2021.

Esta foi unha das principais problemáticas abordadas na Mesa Local de Coordinación fronte á Violencia de Xénero, activa no Concello de Lalín desde novembro de 2008, na que participaron diferentes representantes que traballan directa ou indirectamente coas vítimas de violencia de xénero. Na Mesa están representadas diferentes institucións que teñen actuación en violencia de xénero coma Garda Civil, Equipo Muller-Menor (Emume), Policía Local, Colexio de Avogados, Xulgado de 1ª Instancia, Unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Servizo de Saúde, servizo de orientación dos institutos e CIM-Igualdade do Concello.

Á reunión asistiron as concelleiras de Política Social e Igualdade, Paz Pérez e Begoña Blanco; o comandante de Posto da Garda Civil da Lalín, Jorge Cobas; Beatriz Veiras e Ramón Silva, responsables de Viogén no posto de Lalín; Cecilia González, Policía Local; a directora e psicóloga do CIM, Teresa Rocha Blanco; a axente de igualdade Mª Jesús Payo Negro, e a representante do Colexio de Avogados en Pontevedra, Carmen Silva.

A Mesa incidiu na urxente necesidade de sensibilización da poboación nesta problemática, que o Concello remarca que leva a cabo activamente ao longo do ano desde o departamento de Igualdade, e a necesidade de implicación da sociedade nun problema que no ano 2022 contabiliza 21 mulleres asasinadas por violencia machista.

FINALIDADE. Cómpre destacar que a Mesa Local de Coordinación fronte á Violencia de Xénero é un instrumento operativo co que se lle dá a voz aos representantes de todos os ámbitos municipais implicados directa e indirectamente na atención á vítimas de violencia machista, coa que se pretende reforzar a colaboración interdisciplinar e interinstitucional contra a lacra da violencia de xénero, así como a atención ás vítimas.

Comentarios