A Base Integral de Unidades Operativas aterra no Lalín 2000

As instalacións ubicaranse nunha parcela do polígono de case 15.000 metros cadrados
 
José Crespo e Pablo Viaño durante a firma do documento de cesión da parcela. DP
photo_camera José Crespo e Pablo Viaño durante a firma do documento de cesión da parcela. DP

A cesión da parcela no Polígono Lalín 2000 que se destinará á instalación da Base Integral de Unidades Operativas (BUO), a maior base de helicópteros contra incendios de Galicia, xa é unha realidade. O alcalde de Lalín, José Crespo, asinou este xoves pola mañá xunto a Pablo Viaño, en representación da Xunta de Galicia, o documento que fai firme esta cesión.

A parcela que cedeu o Concello conta con case 15.000 metros cadrados na parte alta do polígono Lalín 2000 e permitirá a construción dunha das infraestruturas contraincendios máis importante de Galicia. O orzamento previsto para a base é de 3,8 millóns de euros, mentres que o orzamento de execución de obras e edificacións: 2.302.214 euros.

Con respecto á superficie total do BUO, 1.889 metros cadrados estarán destinados a un recinto pechado, pensando para ás unidades terrestres e para as dependencias de persoal helitransportado, tripulación e control. O heliporto e a zona de estacionamento terán capacidade para cinco aeronaves do tipo Bell medio e lixeiro con capacidade para máis de 7 persoas e tripulación.

Esta será a primeira das cesións que se asina e a única na que sexa o Concello de Lalín a que entregue terreos. Nas vindeiras semanas formalizarase a sinatura da entrega por parte da Xunta ao concello dunha parcela no polígono fronte ao edificio de reparación de Medio Rural, que se destinará a acopios por parte do Concello e tamén da cesión do organismo autonómico ao entre municipal do centro comarcal Expodeza. Un centro que aínda que pasará xa a ser de titularidade municipal coa sinatura, será utilizado por Medio Rural ata que se produza o traslado ao novo edificio que se construirá nas proximidades da carballeira do Rodo.

Comentarios