Benxa Otero, tres restaurantes e Morea, premios Lalinense do Ano

O músico, a traxectoria dos establecementos La Estación de Botos, Asturiano e Agarimo e a asociación serán distinguidos nun acto o 29 de decembro

Benxamín Otero. CEDIDA
photo_camera Benxamín Otero. CEDIDA

O xurado dos premios Lalinense do Ano, reunido na tarde-noite do pasado mércores na Casa Consistorial da capital dezana, decidiu recoñecer na edición deste ano ó músico local Benxamín Otero, na categoría de Lalinense do Ano; á Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental Morea Lalín coa distinción colectiva e a traxectoria dos históricos restaurantes La Estación de Botos, Asturiano e Agarimo, no apartado a Toda unha Vida. Os galardóns serán entregados, como é costume, nun acto previo ó concerto de fin de ano da Banda de Lalín, que está previsto para o sábado 29 de decembro.

O comité, integrado por representantes da prensa local, colectivos, entidades sociais, clubs deportivos, bandas de música, alcaldes de barrio, etc, pensou en Benxamín Otero, Benxa, como a persoa merecedora este 2018 do premio Lalinense do Ano na categoría individual. O galardoado é "un referente cultural na vila de Lalín dende hai anos", segundo apuntan fontes municipais. Comezou a súa traxectoria na Banda de Lalín e continuou na Orquestra Sinfónica do Conservatorio de Lalín, na Xove Orquestra de Galicia, na Banda Sinfónica de Galicia ou na Banda Sinfónica da Federación de Gaitas de Galicia. Ademais, formou parte, fundou e/ ou colaborou en agrupacións como Linho do Cuco, Fuxan os Ventos, Marful ou Grodan de Fló, entre outros.

Artista multidisciplinar e mestre musical, é autor de diversas bandas sonoras de curtametraxes, documentais e publirreportaxes. Destaca tamén como actor na compañía de teatro e títeres Fantoches Baj, mago, fotógrafo e escritor. Este ano gravou o seu primeiro CD integral coa obra As pombas de Carboeiro, ademais do proxecto discográfico 13 cancións bonitas. Foi tamén nomeado presidente da Asociación de Fagotistas e Oboístas de Galicia.

O premio colectivo para a asociación Morea, orixinaria de Ourense e instalada en Lalín en 2005, pretende distinguir o seu traballo coas persoas que padecen alguna enfermidade mental e cos seus familiares, ós que ofrece apoio e asesoramento.

Pola súa banda, os fundadores e xerentes durante décadas dos tres restaurantes citados recibirán o premio compartido a Toda unha Vida, nun ano que coincide co peche dos seus establecementos por falta de relevo xeracional. O restaurante Asturiano foi aberto en 1975 por José Veiga, combinando a gastronomía da comunidade veciña coa local. Amelia e Chelmita Vales Gómez son as irmáns fundadoras e ata hai pouco propietarias de Restaurante La Estación de Botos, establecemento con case 40 anos de historia que agora conta con nova xerencia. Concepción Lamazares e Cándido Varela foron os promotores do Restaurante Agarimo. O matrimonio xubilouse logo de 58 anos dedicado á hostalaría.

Comentarios