O BNG de Lalín advirte da ilegalidade da compra dos terreos para a Gran Praza

Francisco Vilariño explica que as parcelas están catalogadas no Plan Xeral como de uso exclusivo residencial
Francisco Vilariño, en una foto de archivo. DP
photo_camera Francisco Vilariño, en una foto de archivo. DP

O voceiro do BNG de Lalín, Francisco Vilariño, advertiu este mércores que a compra anunciada polo Goberno local dos terreos para a construcción da Gran Praza é "ilegal". O nacionalista explica que as parcelas obxecto desta iniciativa "son terreos calificados polo PXOM como solo urbano de uso residencial". E é por iso que "está prohibida a compra porque está sen modificar o Plan Xeral de Lalín".

"Esto deixa moi claro que mentres non se modifique o PXOM, o espazo libre está prohibido nuns terreos de uso residencial", precisa Vilariño, que sostén que "estamos nun punto sin retorno respecto a que o proxecto anunciado é imposible de executar neste momento".

Ademais, a Lei de Contratos impide a compra de terreos que ten por obxecto unha actuación urbanística prohibida polo Plan Xeral, xa que esta Lei obriga ás administracións a motivar a necesidade, idoneidade e eficiencia do contrato que se pretende celebrar. "Segundo esta norma legal, di textualmente, as necesidades que se pretenden cubrir mediante o contrato proxectado, así como a súa idoneidade e o seu obxecto deben ser determinadas con precisión deixando constancia na documentación preparatoria antes de iniciar o procedemento de contratación".

Por todo isto, Francisco Vilariño di non entender "porque existen informes favorables" a este proxecto, polo que anuncia que solicitará información ao respecto. "O que temos clarísimo é que o secretario e a interventora non van poder informar favorablemente esa compra", apunta o nacionalista, que engade que "a modificación do Plan Xeral levaría entre un e dous anos".

Vilariño tamén aproveitou para criticar este proxecto do Goberno local, que considera que "hipoteca" a un futuro Goberno. "Para nós existen prioridades clarísimas para o noso concello antes que estes proxectos megalómanos", dixo.

Crítica do PP

O voceiro do PP, Pablo Areán, lamentou tamén onte a "miopía política" de CxL, PSOE e BNG en relación coa compra dos terreos para a Gran Praza e repróchalles "a invención de cifras sobre o custo para o concello" e "a falta de visión estratéxica e de capacidade de xestión".

Na súa opinión, "as críticas da oposición á compra dos terreos son un paripé político enmarcado na precampaña electoral" e amósase "plenamente convencido" de que "en realidade son conscientes de que a Gran Praza é un gran proxecto para Lalín, que cambiará para mellor a fisionomía urbanística en pleno centro do pobo".

"É evidente que eles serían incapaces de xestionar unha actuación desta magnitude, pero Crespo xa demostrou co Pazo de Liñares a fórmula a seguir: o concello asume a compra dos terreos e logo búscase financiación externa, ben a través de fondos europeos, da Xunta de Galicia ou da Deputación, para que a materialización do proxecto non resulte excesivamente gravosa para as arcas municipais", apuntou.

Pablo Areán cualificou como "sorprendente e curioso" o feito de que "os mesmos que defenden un centro de Lalín peonil, humanizado e para as persoas, agora rexeitan a creación dun gran espazo céntrico de 8.000 metros cadrados de superficie para uso público".

Comentarios