Os Bolechas dedican un dos seus libros á Feira do Cocido e a Lalín

A historia ambiéntase nos principais puntos de interese da vila e ten unha tiraxe de 5.000 exemplares que se distribuirán por toda Galicia

Os nenos e nenas que participaron na presentación amosan o libro, xunto ó alcalde e á edila. B.P. - Os Bolechas
photo_camera Os nenos e nenas que participaron na presentación amosan o libro, xunto ó alcalde e á edila. B.P.

"Os Bolechas están na casa da avoa do seu amigo Estevo, un neno de Lalín que os convidou á Feira do Cocido". Así comeza a historia de Os Bolechas van á Feira do Cocido de Lalín, o libro dedicado á capital dezá e á súa festa gastronómica por excelencia que este mércores se presentou na entrada do Consistorio ante máis de 250 escolares de diferentes centros locais. Esta iniciativa enmárcase nos actos da 51ª edición da festa, que se celebrará o 24 de febreiro, e ten como obxectivo "fomentar a lectura e vender a marca de Lalín", en palabras do seu alcalde, Rafael Cuíña.

É unha obra "para que presumades cos amigos que veñen de fóra das cousas que temos, para que todo o mundo saiba o fermoso que é Lalín", dixo o rexedor ós cativos e cativas que participaron na presentación e ós que se lle entregou un exemplar. A Biblioteca Varela Jácome, a Praza da Igrexa, o Monumento ó Porco, a Casa de Ramón María Aller, o Monumento a Joaquín Loriga, o Quilómetro Cero, o Paseo do Pontiñas, o Pazo de Liñares, a Alvariza de Zobra, a rúa Joaquín Loriga ou cadros do pintor Laxeiro son os espazos e elementos nos que se ambienta o libro. Nel tamén ten cabida a Fraga das Casas Vellas e o movemento reivindicativo da Plataforma Salvemos Catasós, así como o Entroido da Cacharela. Membros de ambos colectivos asistiron tamén o mércores á presentación, segundo sinalou a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez.

A primeira edición da publicación terá unha tiraxe de 5.000 exemplares, dos que 4.500 se distribuirán por colexios, bibliotecas públicas e demais centros toda Galicia. Tamén estarán á venda en librarías. A previsión da editorial Bolanda é que poida mercarse a partir do 11 de febreiro, a un prezo de sete euros. O Concello quedará con 500 unidades para distribuír en diferentes centros educativos e municipais e para repartir entre colectivos locais.

Por outra banda, a comisión de seguridade da Feira do Cocido reuniuse o pasado martes para preparar o dispositivo que garanta a seguridade dos asistentes, especialmente na Carreira do Cocido do día 17 de febreiro, na véspera do día grande e, como non, na propia Feira do Cocido, onde haberá instalado un centro operativo da Axencia de Emerxencias de Galicia dende o que se fará a coordinación

Comentarios