Buses adaptados para a liña de Lalín aos hospitais de Santiago

Foi posta en marcha pola Xunta a raíz da petición do Concello ante as demandas do persoal sanitario
Hospital Clínico de Santiago. GSV
photo_camera Hospital Clínico de Santiago. GSV

Os autobuses da liña de Lalín aos hospitais de Santiago están adaptados para cadeiras de rodas e carros de bebé. O sistema inclúe un elevador e ten capacidade para dúas persoas. Así o comunicou a concelleira de Sanidade e Hábitos Saudables, Noelia Seijas Otero, despois de que o representante dos usuarios da liña lles dese "as grazas por conseguir a implantación deste servizo e tamén porque os autobuses están adaptados".

Seijas remarca que "desde o goberno consideramos que é unha boa noticia, máis tratándose dun transporte que se puxo en funcionamento para facilitar os desprazamentos ao traballo do persoal sanitario de Lalín, pero que favorece tamén a mobilidade de toda a veciñanza lalinense, posto que calquera persoa que queira ir aos hospitais de Santiago pode facer uso deste servizo que ten a vantaxe de deixar a persoa usuaria diante mesmo do hospital".

Cómpre lembrar que esta liña de autobús foi posta en marcha pola Xunta a raíz da petición do Concello de Lalín facéndose eco das demandas do persoal sanitario. Funciona os 365 días do ano e ten o prezo habitual dun billete de autobús para o traxecto Lalín-Santiago: 4,60 euros para o pago en efectivo; 2,07 euros para os usuarios que teñen tarxeta de transporte TMG e é gratis para os menores de 21 anos usuarios da tarxeta Xente Nova.

Os servizos saen da estación de autobús de Lalín ás 06.35 horas, ás 13.35 horas e ás 20.35 horas con destino aos dous hospitais. Para o regreso os autobuses saen do hospital de Conxo ás 8.15 horas, ás 15.15 horas e ás 22.15 horas.

Comentarios