Cae parte da 'banda do Covid', que roubaba en casas coa estafa dos test

Os axentes detiveron dous dos membros desta banda nunha aldea de Lalín
Os delincuentes actuaban nun Peugeot 406 azul similar a este. EP
photo_camera Os delincuentes actuaban nun Peugeot 406 azul similar a este. EP

A Garda Civil conseguiu deter a parte da ‘banda do Covid', un grupo que desde o principio da pandemia levaba actuando por áreas rurais de toda Galicia co mesmo modus operandi: facíanse pasar por funcionarios sanitarios enviados pola Xunta para organizar a realización do test de coronavirus para estafar a persoas; ademais, aproveitaban o acceso que as súas vítimas lles daban ás casas para detectar onde gardaban o diñeiro e roubarlles.

Tras máis de dous meses de seguimentos, os axentes puideron por fin deter a dous dos membros desta banda nunha aldea do municipio de Lalín, xusto cando estaban a tratar de cometer outra estafa o pasado venres. Segundo puido saber este diario de fontes coñecedoras da investigación, trátase dun matrimonio de nacionalidade romanesa, fincado en Ourense. No entanto, a Garda Civil está convencida de que na onda de delitos que cometeron nestas semanas tomaron parte outros membros do clan, á parte dos detidos.

Do mesmo xeito, os investigadores tamén están seguros que a ‘banda do Covid' sumou moitas máis que as seis actuacións comprobadas das que a Garda Civil acusa en firme aos dous detidos, que son aquelas de as que ademais de existir denuncia puido reunir probas suficientes. Deses seis presuntos delitos, catro cometéronse en Lugo: dous en Outeiro de Rei, un en Láncara e outro na Pobra de San Xiao.

Os cargos que se lles imputan son estafa, furto e suplantación de cargo público. Este último delito era precisamente a clave de todos o demais, a chave máxica que lles abría de pao a pao as portas das casas aproveitando o medo e a incerteza causados pola pandemia de Covid- 19. Segundo describen os axentes que seguiron os pasos desta banda, vestidos como sanitarios elixían xeralmente casas en que vivisen persoas maiores e presentábanse como funcionarios da Xunta de Galicia encargados de xestionar o test do coronavirus.

Facíanlles crer que foran seleccionados e que eran obrigatorios. Pero non lles realizaban as probas nese momento, senón que lles presentaban uns formularios de aspecto oficial que debían encher cos seus datos e asinar, para que logo fosen chamados polos seus centros de saúde para realizar as probas. Dese xeito, accedían ás casas para encher formularios.

Por este trámite, cobrábanlles 250 euros, o que non só constitúe o delito de estafa, senón o enganche para o seguinte, o de furto. Ao ir a vítima a por o diñeiro, podían ver onde o gardaba; despois, despistándoa un momento con calquera artimaña, furtábanlle o resto do diñeiro. No último dos seus golpes, en Pontevedra, fixéronse cun botín de 2.500 euros que a súa confiada vítima, unha muller maior, gardaba nun sobre.

O COCHE, CLAVE. Segundo indicaron fontes da investigación, un dos principais problemas que se atoparon os axentes nesta operación foi a dificultade para identificar aos diferentes membros da banda que poderían estar a actuar, xa que en todo momento levaban cubertos os rostros por máscaras sanitarias, sen que iso resultase sospeitoso dadas as circunstancias. Por iso, foi decisivo o seguimento aos vehículos que se puideron sinalar como sospeitosos nos lugares onde actuaban. Entre eles, un destacaba: un Peugeot 406 de cor azul escuro descrito por varias das vítimas e testemuñas, precisamente o mesmo que usaba o matrimonio detido o pasado venres.

Outra das dificultades que relatan os investigadores é a complicación para obter probas nalgunhas das actuacións e incluso para convencer a algunhas das vítimas de que denuncien, xa que se mostran remisas: se só pagaron os 250 euros e prefiren dalos por perdidos e esquecerse. No entanto, están convencidos de que antes de dar por pechada a operación poderán presentar acusacións por máis casos.

O fiscal non se presenta e o xuíz déixaos libres
Os axentes que participaron durante todas estas semanas na investigación sobre a ‘banda do Covid' atopáronse este sábado pola mañá coa sorpresa de que o matrimonio que fora detido practicamente in fraganti o venres quedaba en liberdade tras ser posto a disposición do xulgado correspondente en Lalín, a pesar de que na mesa do xuíz habían un voluminoso informe dun centenar de páxinas.

Posteriormente, segundo aseguraron a este xornal, foron informados de que o representante do ministerio fiscal, que é quen debe solicitar ou non a prisión provisional, nin sequera presentouse ao interrogatorio, polo que o xuíz deixounos en liberdade.

O caso, a Lugo
Con toda probabilidade, o caso será enviado de Lalín aos xulgados lucenses, onde se denunciaron os primeiros roubos.

Comentarios