Caen os andamios e parte da fachada do edificio do novo Concello de Silleda

As inspección técnicas realizadas este xoves avalan a seguridade na obra da nova Casa Consistorial
Andamios tirados fronte ao edificio do novo Concello. CEDIDA
photo_camera Andamios tirados fronte ao edificio do novo Concello. CEDIDA

A caída dos andamios durante a madrugada deste xoves e de parte da fachada do novo edificio municipal que se está a rehabilitar como nova Casa Consistorial de Silleda obrigou a pechar temporalmente a rúa Progreso e xerou confusión entre a cidadanía do concello trasdezano. Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais.

O alcalde, Manuel Cuiña, mantivo xa na mañá deste xoves un primeiro encontro con varios responsables técnicos do proxecto así como cos técnicos do departamento municipal de Urbanismo. Logo de que todo o persoal técnico se achegara ata o edificio para facer unha primeira valoración técnica, Cuiña indicou que "o que fixemos foi o máximo fincapé en ter garantías tanto de que a obra como a estrutura existente non corren perigo". Incidiu ademáis en que "a seguridade é o máis importante nestes momentos para poder continuar cos traballos".

Ademais dos técnicos municipais, inspeccionaron outros dous arquitectos, aparelladores e o coordinador de seguridade e saúde da actuación, adxudicada a Coviastec. Tamén o responsable da empresa se reuniu co alcalde esa mesma mañá.

De momento, e a falta de conclusións precisas, só se pode falar de hipóteses en canto ás causas do sinistro.

Segundo veciños da zona, o derrube debeu de producirse arredor das 5.00 da madrugada. "Ata que haxa conclusións no proceso de investigación todo son conxeturas de momento, e todo apunta a un cúmulo de circunstancias que haberá que esclarecer", indica o rexedor.

Está previsto que na vindeira semana se volva a celebrar outra reunión con todas as partes para seguir avanzando nas conclusións do incidente.

Cuiña tamén informou persoalmente aos voceiros dos grupos municipais (PP e BNG) do acontecido, explicándolle as conclusións dos técnicos en canto á seguridade, "que nestes momentos é o máis importante".

O tráfico quedou restablecido na rúa Progreso ás 12.30 horas, unha vez retirados todos os elementos por parte da empresa instaladora dos andamios, que contaba con todas as revisións e inspeccións en orde.

Comentarios