Café Quico, homenaxeado no prólogo da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Os responsables do local recibirán este venres un obsequio conmemorativo por parte do Goberno local
Café Quico, en Cuntis. GOOGLE MAPS
photo_camera Café Quico, en Cuntis. GOOGLE MAPS

Dende hai preto dun lustro, o Concello de Cuntis aproveita a celebración do TapaLacón e da Festa Gastronómica do Lacón con Grelos para recoñecer a implicación e traxectoria dun establecemento histórico da vila termal. Nesta edición, esta homenaxe recaerá no mítico Café Quico, que abriu as súas portas hai máis dun século e que, tal e como explica o alcalde da localidade, Manuel Campos, "foi testemuña directa da evolución e do crecemento que experimentou a nosa vila en todo este tempo, ademais de formar parte da nosa historia e tradición".

Os responsables do local recibirán este venres, ao finalizar a Gala do Chapante, un obsequio conmemorativo por parte do Goberno local. Tamén se repartirán agasallos para os dez establecementos que participaron no TapaLacón 2024, que tivo lugar a pasada fin de semana e que foi un "éxito rotundo", en palabras de Manuel Campos, pese ás inclemencias meteorolóxicas. Estes locais participantes foron A Bolera, O Moncho, Don Manuel, O Traspaso, A Casa da Burga, O Parladoiro, O Paseo, O Fogar do Pensionista, A Morena e A Fontiña.

A Gala do Chapante comezará este venres ás 21.00 horas no Centro Sociocultural Patelas e, ademais de servir para presentar en sociedade a vestimenta da figura máis representativa do Entroido do concello de Cuntis, tamén incluirá unha actuación a cargo do Grupo Chumpá Teatro.

Comentarios