jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Caldas opta por aplicar rebaixas e exencións a sectores afectados polo covid

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey. DP
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey. DP
As empresas de hostalería non terán que pagar a taxa de terrazas e toldos e os taxistas libraranse do tributo por prestación de servizo

O Goberno municipal levará ao Pleno do vindeiro xoves a modificación de diversas ordenanzas fiscais municipais para o próximo exercicio nas que se contempla a conxelación xeral das taxas e a aplicación de numerosas rebaixas e exencións en diversos tributos co obxecto principal de beneficiar a algúns dos sectores máis prexudicados pola crise económica da covid-19.

O alcalde, Juan Manuel Rey, destacou que "estamos ante unha aposta clara do Goberno por diminuír a presión fiscal nun momento de dificultade económica, coa que encadeamos nove anos sen subir ningún imposto nin taxa en Caldas pero, ademais, introducimos exencións ou reducións importantes en tributos que afectan ao conxunto da cidadanía e a aqueles sectores que máis están sufrindo as consecuencias da crise". Así, o Concello levará á próxima sesión plenaria a exención total das taxas de terrazas e toldos para a hostalería. Esta medida vai da man da posibilidade que se lle ofrece ao sector de ampliar o espazo público que bares e restaurantes poden usar para incrementar as dimensións das súas terrazas, aumentando a capacidade ao tempo que se garante a seguridade da clientela dentro das posibilidades técnicas e legais.

Outras das vantaxes fiscais será aplicada ao colectivo de taxistas coa exención do tributo por prestación de servizos por licenza de taxi. Doutra banda, as modificacións fiscais contemplan unha rebaixa do 50% no recibo por ocupación de vía pública por parte dos vendedores ambulantes e da mesma cantidade para os praceiros por ocupación de espazo na praza de abastos.

A todas estas vantaxes fiscais súmase finalmente a redución dun 10% para o conxunto da cidadanía e as empresas e negocios no recibo do lixo. Esta bonificación aplicarase xa a partir deste mesmo ano e é posible grazas a que o Concello acolleuse á proposta de rebaixa do canon de Sogama e cumpriu coas esixencias da iniciativa ao aumentar de maneira moi importante en 2019 (nun 32,2%) a reciclaxe no colector amarelo.

"Levamos 9 anos sen subir ningunha taxa e reforzando os servizos públicos. Nunha situación de dificultade económica e social como a actual no Goberno municipal tivemos moi claro que este debe ser o camiño e con estas medidas tratamos de aportar o noso gran de area ao proceso de recuperación", indicou o alcalde.

Caldas opta por aplicar rebaixas e exencións a sectores afectados...
Comentarios