Caldas inaugura a súa ludoteca con 135 nenos e nenas participantes

Baixo o lema Pasiño a pasiño facemos o Camiño, esta iniciativa para facilitar a conciliación familiar posta en marcha polo Concello busca dar a coñecer os valores do Camiño de Santiago
Imaxe das nenas e nenos na ludoteca posta en marcha polo Goberno local caldense para o presente mes de xullo. DP
photo_camera Imaxe das nenas e nenos na ludoteca posta en marcha polo Goberno local caldense para o presente mes de xullo. DP

Un total de 135 nenos e nenas caldenses de 3 a 9 anos xa están participando na ludoteca do mes de xullo, superando as 120 prazas que foron ofertadas inicialmente, estando previstas outras 80 prazas para o mes de agosto.

A temática desta edición vai relacionada co Camiño de Santiago, baixo o lema Pasiño a pasiño facemos o Camiño, coa finalidade de dar a coñecer o significado e os valores do Camiño de Santiago, parte fundamental e cultura de Galicia e de Europa.

Tamén se farán actividades relacionadas coa educación vial, a alimentación saudable na praza de abastos, visitarase a fervenza de Segade e, se o tempo o permite, algunha praia entre outras actividades.

"Coa ludoteca poténciase o xogo en grupo como un modo de entretemento, diversión e aprendizaxe", apunta o Concello

O alcalde, Juan Manuel Rey, e o concelleiro de Educación, Jacobo Pérez, inauguraron a ludoteca nas instalacións do CPI Alfonso VII, destacando que con este servizo municipal facilítase a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares do verán, combinando lecer e tempo libre con funcións socializadoras, lúdicas e educativas.

"Coa ludoteca poténciase o xogo en grupo como un modo de entretemento, diversión e aprendizaxe, favorécese o desenvolvemento mental, afectivo, psicomotor e sensorial, e propóñense xogos con materiais diversos e a propia fabricación de xoguetes fronte ao consumo masivo de xoguetes mercados", apunta o Concello.

O concelleiro de Educación, Jacobo Pérez, subliñou que o Concello solicitou unha subvención á Secretaria Xeral de Igualdade para financiar unha parte do gasto da ludoteca, que non foi concedida.

VALGA. No concello de Valga, un grupo de arredor de corenta nenos e mozos asiste dende o pasado martes ás sesións de baloncesto que se desenvolven no pavillón municipal de Baño. A actividade deportiva é organizada polo club Río Ulla, coa colaboración do Concello, e nela participan rapaces de entre 7 e 14 anos de idade, a gran maioría de Valga, pero tamén doutras localidades da contorna.

Trátase dunha iniciativa que se realiza por segundo verán consecutivo co obxectivo de fomentar a práctica deportiva entre os máis novos e, en concreto, do baloncesto. As sesións impártense os martes e xoves pola mañá. Nestas primeiras xornadas os participantes, divididos por grupos de idade, realizan diferentes actividades lúdicas e xogos relacionados coa canastra.

Comentarios