Caldas oponse á instalación dunha fábrica de residuos

O informe do aparellador municipal é desfavorable ao proxecto da Xunta que pretende usar uns terreos da antigua canteira de Godos
Casa consistorial de Caldas. ADP
photo_camera Casa consistorial de Caldas. ARQUIVO

O Concello de Caldas de Reis emitiu un informe desfavorable sobre o proxecto para instalación dunha planta de "xestión e valorización de residuos en terreos das parroquias de Saiar e Godos", concretamente onde se situaba a antiga canteira desta última localidade.

O informe foi elaborado polo aparellador municipal en resposta á consulta realizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco da tramitación da avaliación de impacto ambiental desta planta que, segundo o proxecto presentado ante a Xunta, se destinaría principalmente á xestión de residuos procedentes da construción.

A desautorización do proxecto por parte do Concello realízase en base a cuestións urbanísticas. Segundo o informe, a instalación proxéctase sobre unha parcela compartida cunha planta de fabricación de formigón no lugar de A Revolta, que está catalogada no PXOM como "solo urbanizable non delimitado". O PXOM de Caldas é un planeamento "non adaptado" polo que "para o establecemento do réxime aplicado ao solo se atenderá ao establecido na Disposición Transitoria primeira, en concreto o suposto de planeamentos adaptados á Lei 9/2002".

Conforme a esa aclaración, o documento técnico expón que "ao solo obxecto do informe aplicaráselle o planeamento municipal que clasifica o solo urbanizable non delimitado de uso industrial e establece para as zonas pendentes de planeamento de desenvolvemento un réxime de obras e usos provisionais, se ben non admite como uso provisional o industrial, motivo polo que se considera que a proposta que se formula non é conforme co planeamento municipal".

O alcalde, Juan Manuel Rey, sinalou que "o informe urbanístico é moi claro e en base ao PXOM non se permite a continuidade do proxecto neste lugar. O remitimos en prazo á Xunta que é a administración competente para continuar co procedemento".

Comentarios