Caldas planta 60 cerdeiras no lugar de Igrexa para sustituir eucaliptos por outras especies

Fíxoo a razón da celebración do Día Forestal Mundial o 21 de marzo ► Ata agora sembráronse 5.000 árbores
Participantes na plantación de especies autóctonas en Caldas de Reis. DP
photo_camera Participantes na plantación de especies autóctonas en Caldas de Reis. DP

O Concello de Caldas de Reis plantou, con motivo do Día Forestal Mundial que se celebrará o 21 do presente mes de marzo, 60 cerdeiras nuns terreos da Comunidade de Montes de Saiar, no lugar de Igrexa, que tiñan anteriormente eucaliptos que foron eliminados para esta ocasión. O alcalde e outros membros do equipo de goberno participaron na actividade.

Trátase da 17ª edición desta conmemoración do Día Forestal Mundial en Caldas, que organiza o Departamento de Medio Ambiente e que permitiu ata agora plantar máis de 5.000 árbores de especies autóctonas como carballos, castiñeiros, bidueiros, nogueiras e cerdeiras, entre outras.

Nesta ocasión non foi posible a participación dos centros escolares de Caldas, como era a tradición todos estes anos, por mor da crise sanitaria da covid-19. No seu lugar participou persoal da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e voluntarios da Asociación Asoprovida que xa viña colaborando nas anteriores edicións.

As datas tamén tiveron que anticiparse polo cambio climático e a necesidade de plantar as cerdeiras nesta época e non demorar máis tempo á súa plantación.

O alcalde, Juan Manuel Rey, destacou o seu compromiso como alcalde con esta conmemoración e valorou moi positivamente a colaboración dos centros escolares nos anos anteriores, así como do seu profesorado, coa recuperación medioambiental e forestal do municipio. Tamén agradeceu á Consellería de Medio Rural, á Comunidade de Montes e ao voluntariado a súa colaboración.

O concelleiro de Medio Rural e da parroquia de Saiar, Juan Carlos Ortigueira, agradeceu que esta iniciativa tivera lugar nesta parroquia e confiou en seguir coa plantación de moitas máis especies autóctonas en Caldas que sustitúan progresivamente as plantacións de eucaliptos.

Comentarios