Caldas promociona o uso do galego no comercio local e no sector servizos

A campaña 'Eu merco en galego' repartirá 22 premios de entre 50 e 75 euros entre os clientes do mes de xuño
Presentación da campaña, co alcalde, Juan Manuel Rey, no centro da imaxe. DP
photo_camera Presentación da campaña, co alcalde, Juan Manuel Rey, no centro da imaxe. DP

O Concello de Caldas de Reis presentou o martes a Campaña de Dinamización da Lingua Galega Eu merco en galego, un proxecto subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra e que conta ademais coa colaboración do sector do comercio local por medio da Asociación Caldas Centro Comercial Aberto.

A campaña que se levará a cabo na localidade termal ten dúas accións complementarias. A primeira acción, denominada Falo e gaño co galego, desenvolverase durante este mes de xuño, concretamente entre o 10 e o 30. Está dirixida ao pequeno comercio e as empresas de servizos de Caldas de Reis, co obxectivo de concienciar, dinamizar e premiar tanto a consumidores como aos propios comerciantes e empresarios no uso do galego nas transaccións diarias que se producen entre eles como as de compra e venda.

Os comercios participantes amosarán visiblemente nos escaparates o cartel identificativo da campaña e entregarán boletos co nome da mesma, fala e gaña, cando se realice unha compra ou servizo de máis do importe mínimo marcado polo establecemento, en base ao tipo de artigo e os prezos que manexe, e, por suposto, que a lingua utilizada sexa o galego.

Nestes boletos que poden ir acumulando os clientes coas súas compras distribuiranse un total de 22 premios de 75 e de 50 euros. As persoas gañadoras terán que gastar estas cantidades, o importe íntegro recibido, durante o mes de xullo en calquera dos establecementos participantes na campaña.

A segunda acción, denominada Sacamos o sombreiro ao galego, consistirá nunha intervención artística na rúa Real coa instalación de 200 liñas cun total de 1.400 sombreiros de diferentes cores pendurados en transversal ao longo de toda a rúa, formando unha imaxe espectacular que animará o comercio e aos peregrinos no seu percorrido polo Camiño de Santiago na localidade de Caldas.

A instalación artística de sombreiros quedará exposta todo o verán, dende que empeza a campaña o 10 de xuño. Complementarase esta acción repartindo 200 sombreiros serigrafados co lema da campaña e cos logos do Concello e da Deputación de Pontevedra.

Comentarios