Caldas proxecta a rehabilitación do lavadoiro do Umia e a súa contorna

O Concello conta xa coas autorizacións necesarias e co orzamento para desenvolver a reforma, que será financiada mediante sendas subvencións
2020081312455837088
photo_camera Imaxe do estado actual do lavadoiro. CEDIDA

O concelleiro de Infraestruturas e Obras, Manuel González, anunciou que o Concello de Caldas ten proxectadas actuacións de renovación da cuberta e de mellora do entorno do lavadoiro tradicional situado na ribeira do Umia, próximo á casa do Municipio. Trátase dun ben catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal e incluído no Catálogo do Patrimonio de Caldas de Reis.

O Concello conta xa co proxecto técnico para a rehabilitación redactado por parte dos servizos municipais e tamén ten concedidas as autorizacións correspondentes por parte de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio. O proxecto foi orzamentado en 17.316,38 euros e para a súa financiación se botará man de diferentes subvencións.

O lavadoiro data de 1953 e foi construído en granito con teito de tella, conformando un conxunto tradicional cuberto que preserva un importante valor etnográfico e patrimonial. Ademais, atópase situado fronte o Xardín Botánico, declarado Ben de Interese Cultural, e á súa beira hai un freixo histórico de folla estreita que resalta o conxunto paisaxístico.

A renovación do tellado do lavadoiro será integral. O acondicionamento da contorna consistirá na limpeza dos terreos lindeiros, do cano do depósito previo de pedra que subministra auga, así como na retirada de residuos orgánicos e sedimentacións acumuladas no leito do río na contorna do elemento patrimonial.

Comentarios